O aceite de oliva terá 0% de IVE a partir de xullo

O Consello de Ministras da próxima terza feira a rebaixa do IVE do aceite de oliva a 0% a partir do 1 de xullo, segundo informaron fontes do Ministerio de Facenda. A Galiza é a gran consumidora de aceite do Estado.
Oliveiras en Quiroga (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Oliveiras en Quiroga (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O Goberno español aprobará no Consello de Ministras da próxima terza feira a rebaixa do IVE do aceite de oliva a 0% a partir do 1 de xullo, segundo informaron fontes do Ministerio de Facenda. O Executivo xa o rebaixara de 10% a 5% en 2023, unha media que agora intensifica. Ademais, tomou a decisión de que pase a estar no grupo de produtos de primeira necesidade como o pan, os ovos, as verduras e as froitas.

Desta maneira, o aceite de oliva formará parte de maneira estrutural dos bens e servizos que aplican un IVE superreducido, de 4% en condicións normais, en lugar de situarse no grupo de bens que aplica o IVE reducido, de 10% en condicións normais. A medida ten como obxectivo, indican, protexer e incentivar o seu consumo, cuxo prezo se encareceu recentemente como resultado da seca, entre outros motivos. O seu prezo en maio, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), era 62,8% máis caro que un ano antes e acumula un aumento de 198,5% desde xaneiro de 2021, o que significa que o seu custo case se triplicou no últimos tres anos. 

O IVE dos alimentos

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou hai uns días que o Executivo ten previsto prorrogar a rebaixa do IVE a algúns alimentos que finaliza o próximo 30 de xuño porque os seus prezos seguen sendo "altos".

Segundo os últimos datos do INE, o prezo dos alimentos e bebidas non alcohólicas moderou en maio o seu avance interanual a 4,4%, tres décimas menos que en abril. Isto aconteceu, na súa maior parte, polos incrementos dos prezos das froitas e da carne, menores que no mesmo mes de 2023, así como á baixada dos prezos dos aceites e graxas, fronte á suba que experimentaron en maio dese ano. Ademais do aceite de oliva, en maio destacaron tamén as subas interanuais dos prezos dos zumes de froitas e vexetais (+15,9%). 

Consumo na Galiza

A Galiza é a comunidade que máis aceite de oliva consume ao ano, con case 14,55 litros por persoa, case cinco litros máis que a media estatal (9,86 litros). Neste caso dobra á comunidade que está á cola, Castela-A Mancha (7,5 litros por persoa).

Así se recolle un informe do consumo de alimentación realizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), onde figura que o gasto dos españois en alimentación elevouse 7,5% en 2023, até alcanzar os 115.917,42 millóns de euros, mentres que en volume caeu 0,7%, mais cunha cesta 10,1% máis pola inflación.

Comentarios