Inditex logra uns beneficios de récord: 4.130 millóns de euros

Amancio Ortega ingresará este ano 2.217 millóns en concepto de dividendos.
A presidenta de Inditex, Marta Ortega, na Xunta Xeral de Accionistas. (Foto: Europa Press)
photo_camera No centro da imaxe, a presidenta de Inditex, Marta Ortega, na Xunta Xeral de Accionistas da compañía. (Foto: Europa Press)

Inditex rexistrou un beneficio neto récord de 4.130 millóns de euros no seu exercicio fiscal 2022-2023 —desde o 1 de febreiro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023—, o primeiro de Marta Ortega na presidencia, o que supón un incremento de 27% a respecto do ano anterior, segundo informou a compañía, que elevará o dividendo en 29%, até 1,2 euros por acción, o que supón un desembolso de máis de 3.700 millóns. A pesar diso, os títulos de Inditex caeron esta cuarta feira 3,3% no IBEX-35, até situarse en 28,20 euros por acción.

As vendas tamén foron de récord ao alcanzar os 32.569 millóns de euros, 17,5% máis sobre 2021, cunha alza de 18% a tipo de cambio constante. As vendas medraron en todas as áreas xeográficas, tanto en tendas físicas como online e en todos os conceptos. En concreto, a venda en liña creceu "de maneira satisfactoria", celebraron desde Inditex, sobre a cifra récord de 2021, alcanzando os 7.806 millóns de euros.

Desta forma, a compañía logra cifras históricas ao superar o beneficio logrado en 2019, anterior á pandemia, no que gañou 3.639 millóns de euros, e as vendas de 28.286 millóns de euros.

"Os excelentes resultados de 2022 pon de manifesto a fortaleza do noso modelo de negocio e a súa capacidade para avanzar cara ao seguinte nivel de desenvolvemento, no que a nosa proposta de moda, a experiencia dos nosos clientes, o compromiso coa sustentabilidade e o talento dos nosos equipos seguirán sendo chaves", destacou o conselleiro delegado, Óscar García Maceiras.

O resultado operativo (Ebitda) aumentou en 20%, até 8.649 millóns de euros, e o Ebit, en 29%, até 5.520 millóns de euros. O beneficio antes de impostos, pola súa parte, tamén se incrementou en 28%, até os 5.358 millóns de euros, mentres que a marxe bruta situouse en 18.559 millóns de euros, 17% superior ao de 2021 e que representa 57% das vendas.

As vendas en tenda aumentaron 23% debido ao crecemento do tráfico comercial e á crecente produtividade das tendas. Este "forte" incremento, segundo explica a compañía, alcanzouse con 10% menos de tendas e 6% menos de espazo comercial que en 2021.

Marta Ortega obtivo unha remuneración de 834.000 euros no seu primeiro ano á fronte da compañía, mentres García Maceiras, como CEO, cobrou 8,37 millóns de euros, segundo consta no informe anual de goberno corporativo remitido á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Pola súa parte, o fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresará este ano 2.217 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía, por riba dos 1.718 millóns de euros que percibira por este concepto o ano pasado.

Comentarios