O PSdeG acusa Rueda e Feixoo de "disparar" a débeda pública galega a "máximos históricos"

Nunha rolda de prensa decorrida esta segunda feira no Pazo do Hórreo, a parlamentaria do PSdeG anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para "saber por que mentres a Xunta incrementa a débeda pública non mellora a vida das galegas e galegos".
Begoña R. Rumbo, depuatad do PsdeG (Foto: PSdeG).
photo_camera Begoña R. Rumbo, depuatad do PsdeG (Foto: PSdeG).

A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e o seu predecesor no cargo, Alberto Núñez Feixoo, de "disparar" a débeda pública da Galiza até os 12.300 millóns de euros, o "máximo histórico", mentres "recortan e precarizan" os servizos públicos.

Nunha rolda de prensa decorrida esta segunda feira no Pazo do Hórreo, a parlamentaria do PSdeG anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para "saber por que mentres a Xunta incrementa a débeda pública non mellora a vida das galegas e galegos".

A responsábel socialista sinalou, ademais que, segundo os datos feitos públicos polo Banco de España, Rueda e Feixoo multiplicaron por 2,5 a débeda pública do país en 14 anos, "desde os 4.800 millóns dos últimos orzamentos do presidente socialista Emilio Pérez Touriño".

Rodríguez Rumbo acusou os populares de deixar "un pufo" de máis de 4.500 euros por cada galego e cada galega. Segundo indicou, "este é o saldo de 14 anos de políticas neoliberais do PP na Galiza", que "descarta o argumento de que tanto Feixoo como Rueda son bos xestores", xa que combinan "maior débeda con precarización dos servizos públicos e a rebaixa de 50% do imposto do patrimonio aos máis ricos".

O bus de Rueda

Sobre a campaña ‘Galiza non para’ do PP, na cal Rueda anima a poboación a “tomarlle unha [cervexa]” nun bus que percorre o país, Rodríguez Rumbo preguntou se está pagada polo Partido Popular ou se está sufragada con medios da Administración galega.

"Esperamos que ese bus sexa pagado polo PP e non como se dicía nalgúns medios que podía ser pagado pola Xunta da Galiza", manifestou a deputada socialista.

Comentarios