Sentury destina a Marrocos os fondos que tiña reservados para a fábrica de pneumáticos nas Pontes

O futuro do proxecto da compañía chinesa nas Pontes é incerto.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do presidente de Sentury Tire, Qin Long, en marzo de 2023 (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do presidente de Sentury Tire, Qin Long, en marzo de 2023 (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).

Segundo afirmou a compañía chinesa Sentury, os perto de 363 millóns de euros que recadou para o proxecto na Galiza serán finalmente investidos na construción dunha fábrica en Marrocos. Noutras palabras, o fabricante de pneumáticos puido ter reducido as súas expectativas sobre o avance da construción da planta galega ao tempo que avanza na súa base de fabricación en Marrocos.

A razón esgrimida por Sentury é que a factoría galega aínda está en "proceso de homologación", mentres que no caso da fábrica marroquí, "o proxecto avanza sen problemas e ten unha gran demanda de gastos de capital". Así, o futuro da fábrica que a firma tiña previsto instalar no municipio das Pontes (Eume) fica no aire.

A "incerteza no tempo para a obtención do proceso da prehomologación" para a factoría na Galiza revelada por Sentury demostra que o seu proxecto en territorio galego non ten un calendario claro, polo que aumentan as dúbidas de que finalmente chegue a termo.

A fábrica marroquí de Sentury ten unha capacidade de produción de 12 millóns de unidades e está previsto que se divida en dous proxectos, cada un cunha capacidade para 6 millóns de unidades. Neste sentido, o fabricante de pneumáticos dixo que os dous proxectos "comezarán a construción simultaneamente" en outubro de 2023 e "espérase que comecen a desenvolverse ao mesmo tempo".

Incerteza

A xulgar polo avance da execución, os períodos de construción dos dous proxectos son de 12 e 18 meses respectivamente. Polo tanto, outubro de 2024 e abril de 2025 poden ser dous momentos clave para a posta en marcha. Despois destes dous períodos, os produtos da fábrica marroquí de Sentury poderán pórse gradualmente no mercado. A compañía anunciou os seus plans na Galiza a comezos do ano 2022 e a pregunta agora é se o proxecto nas Pontes poderá seguir adiante.

Comentarios