A Assembleia da República portuguesa aproba despenalizar a eutanasia a pesar do intento de veto de Rebelo de Sousa

A eutanasia e o suicidio asistido están autorizados só en poucos países europeos, incluídos Bélxica, Luxemburgo e Países Baixos.
Imaxe da Assemblei da República (Foto: Europa Press / Contacto / Petro Fiuza).
photo_camera Imaxe da Assemblei da República (Foto: Europa Press / Contacto / Petro Fiuza).

O Parlamento portugués (Assembleia da República) aprobou esta sexa teira a despenalización da eutanasia, co que o país se sumaría aos poucos do mundo que permite a unha persoa cunha enfermidade incurable pór fin, de maneira voluntaria, á súa vida..

Isto ocorre tras anos de debates e pese ao veto do presidente, o conservador Marcelo Rebelo de Sousa, que tentou freala en catro ocasións. Este ten oito días para promulgar a lei, que entrará en vigor o día despois da súa publicación no Diario da República.

Segundo a normativa, as persoas de máis de 18 anos poderán solicitar asistencia para morrer se sofren unha doenza terminal e un “sufrimento insoportábel”, a menos de que non se lles considere mentalmente capacitados para tomar unha decisión.

Aplicarase a cidadáns portugueses e residentes legais, e non a estranxeiros que chegan ao país en busca dun suicidio asistido.

A Cámara aceptou, sen modificacións, a mesma versión da norma que o actual mandatario vetou o abril pasado. A denegación presidencial non impide a entrada en vigor da lei, dado que a Constitución estabelece que, pese ao voto contrario da Presidencia, aquela pode seguir adiante se obtén votos dunha maioría superior a 116 deputados.

129 deputados a favor

Finalmente, a normativa aprobouse por 129 sufraxios a favor e 81 en contra. Esta foi apoiada polos socialistas, con maioría absoluta na Cámara, o Bloco de Esquerda, os animalistas e Iniciativa Liberal, o único partido conservador que apoiou a proposta, e algúns deputados do Partido Social Demócrata, que deu liberdade de voto.

A eutanasia e o suicidio asistido están autorizados só en poucos países europeos, incluídos Bélxica, Luxemburgo e Países Baixos.

Comentarios