Alemaña, acusada no tribunal da ONU de ser cómplice do xenocidio en Gaza

Funcionarias e funcionarios teutóns piden acabar co envío de armas.
Palestino ferido após un ataque israelí contra Gaza, a segunda feira. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto vía Europa Press)
photo_camera Palestino ferido após un ataque israelí contra Gaza, a segunda feira. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto vía Europa Press)

Poucos días despois do comezo da agresión israelí contra a Faixa de Gaza, Alemaña era consciente de que o Estado sionista estaba a cometer graves violacións do dereito internacional, desde finais de xaneiro sabe que as accións de Israel poden supor un xenocidio tras as medidas provisorias da Corte Internacional de Xustiza (CIX) neste sentido, e a pesar diso violou as súas obrigas internacionais e continuou armándoo, explicou a segunda feira Carlos José Argüello Gómez, embaixador de Nicaragua ante o principal órgano xudicial da Organización das Nacións Unidas (ONU).

A exposición decorreu na primeira das dúas xornadas de audiencias programadas tras a denuncia nicaraguana de que Alemaña está a violar o dereito internacional e a Convención sobre Xenocidio.

Armas "cruciais"

Gómez asegurou que “garantir a subministración de armamento é crucial para que Israel prosiga cos ataques en Gaza”, e insistiu en que se deben adoptar medidas provisorias para que Berlín poña punto e final ao envío de armamento.

Alemaña concentrou 30% das importacións de armas de Israel entre 2019 e 2023, e incrementou o ritmo dos envíos unha vez comezada a agresión militar.

O funcionariado alemán pide frear os envíos

Aínda que Tania von Uslar-Gleichen, a representante alemá, apresurouse a considerar como “tremendamente parcial” a exposición de Nicaragua, poucas horas antes fíxose público un escrito dun grupo de funcionarias e funcionarios alemáns ao seu Executivo no que exixen o “cese ás entregas de armas ao Goberno [de ultradereita] israelí con efecto inmediato” por mor dos “crimes en Gaza” cometidos polos militares sionistas.

Unhas accións que “están en clara contradición co dereito internacional” e coa Constitución teutoa.

Comentarios