Entrevista

Ana Miranda: "O que acontece en Gaza é unha catástrofe humanitaria"

Ana Miranda, deputada no Parlamento europeo do BNG, desprazouse esta fin de semana á área fronteiriza de Rafah, cidade localizada no sur de Gaza, nos lindes con Exipto, amais de visitar. tras sete horas en coche, o aeroporto de al Arish, polo que entran os convois de axuda humanitaria que obstaculiza Israel. Desde ese lugar conversa con 'Nós Diario' da situación do pobo palestino e das dificultades de que lle chegue a axuda humanitaria.

Ana Miranda na área fronteiriza de Rafah (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Miranda na área fronteiriza de Rafah (Foto: Nós Diario).

-Cal é o obxectivo principal desta viaxe á área fronteiriza de Rafah?
O obxectivo é denunciar, unha vez máis, o xenocidio que está sufrindo o Pobo palestino a mans do exército do goberno sionista de Israel e o fragrante incumprimento dos dereitos humanos desde hai décadas. Ademais pedimos o alto ao fogo inmediato e a entrada da axuda humanitaria.

Hai, agora mesmo, máis de 30.000 persoas asasinadas, máis de 70.000 feridas, máis de 360.000 vivendas destruídas ou danadas, ademais de infraestruturas civís destruídas como hospitais e universidades, e aproximadamente 2 millóns de persoas desprazadas pola forza son as terribles cifras que nos deixan os ataques israelís.

-Como definiría a situación que observou cando chegou?
Como unha catástrofe humanitaria. Israel tenta desmantelar a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) mediante acusacións sen probas. E a  humanidade asiste impasíbel e coa complicidade de Occidente a un desastre humanitario en Gaza.

Hai centos de camións de axuda humanitaria agardando na entrada ao aeroporto de Al-Arish moitos días para poder entrar, porque Israel controla e decide quen o fai e quen non. Só un dato:  debían entrar 500 camións diarios e en realidade están entrando 15. Ademais, Israel está limitando recursos como auga, electricidade, medicinas, comida ou roupa de abrigo.  

-Mantivo xuntanzas con varias organizacións humanitarias. Que lle contaron?
Explicaronme como boicotea Israel a saída dos camións, máis de 2000 agardando. Israel controla, ralentiza e condiciona que toda a axuda entra, devolvendo mercadorías. Eu mesma vin moito material humanitario que foi enviado por donantes de organizacións internacionais e varios Estados e que foi rexeitado polo Estado sionista.

Desde Israel alegan que “poden ter un dobre uso, tamén militar, polos palestinos de Gaza". Non teñen vergonza, xogan coa axuda para castigar máis aínda do xenocidio ao Pobo palestino.

Comentarios