VÍDEO NO INTERIOR

Asasinan a tiros en Ecuador o candidato presidencial Fernando Villavicencio

As eleccións serán o próximo 20 de agosto. A formación á que representaba Villavicencio, Movimiento Construye, propuxéralle suspender a campaña após o asasinato do alcalde de Manta e de recibir varias ameazas de morte de narcotraficantes; porén, rexeitono: "Gardar silencio é un acto de covardía".
O político ecuatoriano Fernando Villavicencio. (Foto: Europa Press)
photo_camera O político ecuatoriano Fernando Villavicencio. (Foto: Europa Press)

Magnicidio en Ecuador. O candidato á Presidencia polo Movemento Construye, Fernando Villavicencio, foi asasinado a tiros na tarde desta cuarta feira logo de participar nun acto de campaña na capital, Quito. Segundo as primeiras informacións, un grupo de sicarios asaltouno á saída dunha escola e a gravidade das lesións acabou coa súa vida nun centro hospitalario ao que foi trasladado e onde se vén de confirmar o seu falecemento. As eleccións serán o próximo domingo 20 de agosto.

"Un sospeitoso, que resultou ferido durante o intercambio de balas con persoal de seguridade, foi detido e levado gravemente ferido á Unidade de Bandeira en Quito. Unha ambulancia dos Bombeiros confirmou o seu falecemento. A Policía procede á retirada do cadáver", precisou a Fiscalía ecuatoriana. Os sicarios descargaron uns 40 disparon e feriron outras persoas presentes no lugar.

Desde a formación pola que era candidato ás eleccións presidenciais trasladaron o seu "horror e dor" polo sucedido, e definiron Villavicencio, antigo líder sindicalista, como un "loitador incansábel" contra as mafias e narcotraficantes, dos que chegou a denunciar as súas conexións políticas.

De feito, nunha entrevista recente denunciara as ameazas de morte que estaba a recibir por parte de 'Los Choneros', un grupo de narcotraficantes vinculado ao cártel de Sinaloa (México): "Se sigo mencionando o nome de 'Fito' e mencionando os 'Choneros' vanme matar. Pero aquí estou, dando a cara. Non lles teño medo".

Mais o asasinato, con todo, reivindicouno outro grupo do que tamén recibira ameazas, 'Los Lobos', a través dun vídeo —aínda non verificado polas autoridades— que circula polas redes sociais: "Queremos deixarlle en claro a toda a nación ecuatoriana que cada vez que os políticos corruptos non cumpran coa súa promesa que estabelecemos [sic] cando reciben o noso diñeiro, que son millóns de dólares, para financiar a súa campaña, serán dados de baixa".

O seu propio partido propuxéralle suspender a campaña hai escasos días após o asasinato do alcalde de Manta, Agustín Intriago, tamén cunha arma de fogo, o pasado 24 de xullo. Porén, Villavicencio rexeitou a proposta: "Gardar silencio e agocharse en momentos en que os criminais asasinan cidadáns e autoridades é un acto de covardía e complicidade. Ratifico a miña decisión de seguir na loita diaria até derrotar as mafias".

O aínda presidente de Ecuador, Guillermo Lasso, sumouse ás mostras de apoio e pésame: "Indignado e conmocionado polo asasinato do candidato á Presidencia Fernando Villavicencio. A miña solidariedade e condolencias á súa muller e fillas. Pola súa memoria e pola súa loita, asegúrovos que este crime non quedará impune". O crime organizado, dixo, "chegou xa moi lonxe, pero lle vai caer todo o peso da lei", engadiu o mandatario, que convocou de urxencia unha reunión do seu Gabinete de Seguridade para abordar o asasinato de Villavicencio.

Comentarios