Até 100 inspectores rexistran as casas de dirixentes do PSD portugués por sospeitas de malversación

Ademais dos rexistros domiciliarios, que xa remataron, tamén se realizaron rexistros nas oficinas nacionais do PSD e da Xuventude Socialdemocrata (JSD), así como no barrio do partido no Porto.
Rui Rio, ex líder do PSD ao que se lle rexistrou a casa (Foto: João Pedro Domingos /PSD).
photo_camera Rui Rio, ex líder do PSD ao que se lle rexistrou a casa (Foto: João Pedro Domingos /PSD).

A Policia Judiciária portuguesa (PJ) rexistrou onte as casas de Rui Rio, ex líder do Partido Social Democrata (PSD), Hugo Carneiro, ex secretario xeral do partido e actual deputada, Florbela Guedes, ex conselleira de Rio, e outros ex dirixentes do PSD.

Os rexistros realizados na mañá de onte están relacionados coa xestión do PSD, con sospeitas de malversación e abuso de poder que naceron en 2020 cun conxunto de denuncias internas segundo avanzaba naquela altura a CNN.

Ademais dos rexistros domiciliarios, que xa remataron, tamén se realizaron rexistros nas oficinas nacionais do PSD e da Xuventude Socialdemocrata (JSD), así como no barrio do partido no Porto. A investigación da PJ céntrase no suposto mal uso de fondos públicos na anterior xestión do partido.

En concreto trátase dunha suposta trama para pagar soldos aos funcionarios —denomínase funcionario ao persoal contratado polo parido político— do PSD mediante fondos da Assembleia da República que se destinan a cargos de asesoramento de grupos parlamentarios.

É dicir, estes funcionarios serían remunerados con cargo ao orzamento do Parlamento pero efectivamente traballarían no barrio do Porto do PSD, onde se dedicarían a cuestións internas do PSD e ao apoio á mocidade socialdemocrata.

20 rexistros

Nun comunicado, a Policia Juduciária confirma que se realizaron un total de 20 rexistros, 14 deles en domicilios, cinco en locais de partidos e un en dependencias do Revisor Oficial de Contas, na zona da Gran Lisboa e no norte do país. A PJ tamén fai mención de "embargo", sen precisar que material foi incautado. E tamén confirma que sospeitan dunha "posíbel práctica de delitos de prevaricación e abuso de poder".

Comentarios