Primarias EUA

Biden e Trump, oficialmente candidatos para repetir o duelo de 2020... cun Kennedy á espreita

Ross Perot foi o aspirante dun 'terceiro partido' que máis perto estivo de facerse coa Presidencia na historia recente, logrando o 18,9% dos sufraxios en 1992.
Robert Kennedy Jr, Joe Biden e Donald Trump. (Fotos Europa Press)
photo_camera Robert Kennedy Jr, Joe Biden e Donald Trump. (Fotos Europa Press)

Repítese a foto de 2020. O vindeiro 5 de novembro a cidadanía estadounidense decidirá o rumbo que adoptará o país os próximos catro anos nun escenario análogo ao dos anteriores comicios, con Joe Biden encabezando a papeleta do Partido Demócrata —e, presumibelmente, con Kamala Harris de novo como compañeira de fórmula— e Donald Trump como candidato republicano. Desta volta, porén, Biden é quen defende a Presidencia fronte a un Trump que abandonou a Casa Branca a comezos de 2021 pola porta de atrás e facendo ruído e que non cesa no seu intento de retornar ao poder.

Esta terza feira o actual presidente asegurou os delegados e delegadas necesarias para ser novamente o candidato do seu partido, impóndose nas primarias de Georgia, Mississippi, Illas Marianas do Norte e Washington e sumando até 2.107 representantes —200 máis que os que marcan a absoluta no proceso interno demócrata—. Biden venceu até o momento en todas as citas agás na da Samoa Americana, onde gañou o aspirante pouco coñecido Jason Palmer. Foi a primeira derrota nunhas primarias dun presidente demócrata desde Jimmy Carter en 1980.

"Síntome honrado de que a ampla coalición de votantes que representan a rica diversidade do Partido Demócrata en todo o país depositasen a súa fe en min unha vez máis para liderar o noso partido, e o noso país, nun momento no que a ameaza que supón [o ex presidente Donald] Trump é maior que nunca", asegurou Biden, en declaracións recollidas pola CNN.

Pouco tempo despois, o aspirante republicano fixo o propio colleitando folgados triunfos en Georgia, Hawaii, Mississippi e Washington, facendo así un total de 1.241 apoios dos 1.215 que precisaba para ratificar o nomeamento. A pasada semana retirouse da carreira a súa principal competidora, Nikki Haley, que o parabenizou... sen pedir o voto para el. Haley venceu en dúas citas electorais e obtivo só 94 delegados e delegadas, mais en termos absolutos sumou case o 24% dos votos emitidos —un de cada catro—, fronte ao perto de 73% de Trump.

A Convención Nacional Republicana, o evento no que Donald Trump será formalmente designado candidato do seu partido para as eleccións presidenciais, decorrerá en Milwaukee (Wisconsin) do 15 ao 18 de xullo, mentres o encontro dos demócratas está convocado do 19 ao 22 de agosto en Chicago (Illinois). Tras estas dúas citas, Biden e Trump serán formalmente os aspirantes dos dous grandes partidos á Casa Branca... mais non os únicos.

Na loita estará canda eles Robert Francis Kennedy Jr, fillo de Robert F. Kennedy e sobriño do ex presidente demócrata John F. Kennedy. En abril do pasado ano anunciou a súa candidatura ás primarias demócratas, pero decidiu retirala en outubro e presentarse como aspirante independente. O xogador de fútbol americano Aaron Rodgers soa como candidato a vicepresidente de Kennedy, dentro dunha listaxe de nomes na que, segundo publican hoxe diferentes medios estadounidenses, estaría tamén o ex gobernador de Minnesota Jesse Ventura, afiliado no pasado ao Independence Party of Minnesota, o Partido Verde e o Partido Reformista.

Unha formación alternativa, esta última, fundada en 1995 por Ross Perot, o aspirante dun 'terceiro partido' que máis perto estivo de facerse coa Presidencia na historia recente, logrando o 18,9% dos sufraxios en 1992 —mais ningún representante, nuns comicios que gañou o demócrata Bill Clinton— e o 8,4% catro anos despois —cun novo triunfo de Clinton—.

E que opcións ten Kennedy? Se ben se presupoñen poucas, non serían nulas. Ou, polo menos, podería loitar por lograr algún congresista nalgún Estado. A media das 90 enquisas máis recentes publicadas por diferentes institutos demoscópicos —recompiladas por The Hill— dá ao candidato independente un 11,3% das papeletas, fronte a un 38,6% de Biden e un 41,6% de Trump, e superando nalgunhas sondaxes o 15%.

Comentarios