Primarias EUA

O 'Super Tuesday' deixa practicamente fechado que haberá un enfrontamento entre Biden e Trump pola Presidencia dos Estados Unidos

Nikki Haley en Vermont e o descoñecido Jason Palmer na Samoa Americana lograron evitar o pleno dos candidatos favoritos á Casa Branca.
Debate electoral entre Donald Trump e Joe Biden en 2020. (Foto: Liu Jie / Xinhua News / Contacto)
photo_camera Debate electoral entre Donald Trump e Joe Biden en 2020. (Foto: Liu Jie / Xinhua News / Contacto)

Tanto o presidente dos Estados Unidos de América, Joe Biden, como o ex mandatario Donald Trump, arrasaron nas eleccións primarias das súas forzas políticas no denominado Super Tuesday, nuns comicios qe apenas deixaron espazo para as sorpresas, tal e como se prevía, e cuxo pleno de vitorias foi evitada pola republicana Nikki Haley no estado de Vermont e polo descoñecido demócrata Jason Palmer no territorio da Samoa Americana.

Se ben a estreita vitoria de Haley sobre Trump en Vermont podía entreverse por ser un dos estados cos republicanos menos conservadores, ninguén previra o resultado de Palmer, aínda que se trata dun feito testemuñal polos poucos delegados que outorga a Samoa Americana.

Haley, que hai uns días converteuse na primeira muller do Partido Republicano en gañar unhas eleccións primarias nun estado, aproveitou a súa segunda vitoria para proclamar que as votantes “están abertas a unha alternativa contra Trump”, aínda que os demócratas xa están pensando nos votos do electorado republicano que rexeita o ex presidente, xa que a candidatura de Trump atópase practicamente fechada tras unha xornada na que 15 estados e un territorio acudiron ás urnas.

Por este motivo, Biden advertiu de que un segundo mandato de Trump “traerá caos, división e escuridade” aos EUA e que “está decidido a destruír a nosa democracia, arrebatar liberdades fundamentais como a capacidade das mulleres para tomar as súas propias decisións en materia de atención sanitaria e aprobar outra rolda de recortes fiscais de miles de millóns de dólares para os ricos”.

Pola súa parte, Trump tamén atacou ao que previsibelmente será o seu rival nas eleccións presidenciais de novembro pola súa xestión tanto en política migratoria, facendo referencia á “invasión” de migrantes, como polas súas accións a nivel internacional na guerra de Ucraína e no conflito de Oriente Medio, remarcando que Biden “é o peor presidente da historia” dos Estados Unidos. Así mesmo, o republicano defendeu a súa etapa presidencial, na que os EUA “non tiveron guerras” e na “se levaban ben con moitos países”, mencionando a Corea do Norte e á China.

Vitorias amplas

Aínda que Biden gañou de forma ampla en todos os estados (menos no territorio da Samoa Americana), obtendo na gran maioría máis de 80% de apoio, destacan o gran número de votos “protesta” en Minessota, onde a comunidade árabe ten un papel importante e onde se emitiron até 19% de votos “non comprometidos”.

Trump tamén conseguiu vitorias amplas, aínda que os porcentaxes roldaron entre 60 e 70% debido a que Haley arrastrou o electorado menos conservador. Tras o Super Tuesday, as proxeccións emitidas pola CNN estiman que Trump conseguirá ter un total de 936 delegados (dos 1.215 necesarios para fechar matematicamente a súa candidatura) fronte aos 85 de Haley, mentres que Biden logrará asegurar 1.312 delegados (dos 1.968 necesarios para selar a súa candidatura).

Comentarios