Primarias EUA

Chega o 'Super Tuesday': Biden e Trump tratan de confirmar cadansúa candidatura presidencial

Nikki Haley, perante a última oportunidade.
Joe Biden e Donald Trump. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Joe Biden e Donald Trump. (Fotos: Europa Press)

16 Estados e un territorio estadounidense votan esta terza feira nas súas primarias para escoller as candidaturas do Partido Republicano ou do Partido Demócrata nas eleccións presidenciais de novembro, no que se coñece como o 'Super Tuesday'. As enquisas prevén que o ex presidente republicano Donald Trump e o actual mandatario, o demócrata Joe Biden, reafirmarán o seu liderado e case segura designación por parte de cadansúa organización.

Nas votacións republicanas, a ex embaixadora na Organización das Nacións Unidas (ONU) Nikki Haley precisa un “milagre político” para non “verse obrigada a acabar finalmente coa súa campaña”, explicou o xornal The Guardian, todo isto após vetar a Xustiza federal as tentativas de varios Estados de inhabilitar Trump.

Aínda que nesta xornada se reparten até un terzo das e dos delegados que elixen formalmente as candidaturas republicanas e demócratas, nin Trump nin Biden poderán certificar a súa vitoria matemática polo de agora, e no mellor dos casos terá que agardar ao 12 de marzo o primeiro e ao 19 de marzo o segundo.

Comentarios