Eleccións europeas 9-X

O BNG repite fórmula para as europeas: Agora Repúblicas, canda ERC, Bildu e Ara Més

A formación nacionalista, á que lle corresponde desta volta o terceiro posto na papeleta, asinará o acordo esta quinta feira en Barcelona.
Intervención de Ana Miranda nun pleno da Eurocámara en Estrasburgo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Intervención de Ana Miranda nun pleno da Eurocámara en Estrasburgo. (Foto: Nós Diario)

O BNG repetirá fórmula electoral para concorrer aos comicios europeos do 9 de xuño baixo a coalición instrumental Agora Repúblicas, xunto con ERC (Catalunya) e EH Bildu (Euskadi), igual que fixera hai cinco anos. Nesta cita coas urnas súmase á papeleta Ara Més (Balears).

A formación nacionalista volve optar por esta fórmula de coalición instrumental como vén facendo desde hai dúas décadas, ao seren estes uns comicios de circunscrición única en todo o Estado. A sinatura do acordo farase efectiva esta quinta feira en Barcelona, onde o BNG estará representado por Rubén Cela, membro da Executiva Nacional e responsábel de relacións internacionais.

Nesta ocasión o BNG ocupa o terceiro lugar dentro da coalición, fronte ao quinto posto que lle correspondera nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo. Un cambio significativo que se produce, explican, despois do "histórico resultado" acadado nas eleccións galegas do pasado 18 de febreiro, nas que o Bloque obtivo case medio millón de votos.

"Máis alá da coalición técnica instrumental, o electorado galego votará coa papeleta do BNG e a unha candidatura propia —que en 2019 estivo encabezada pola até agora eurodeputada Ana Miranda— co obxectivo de que Galiza conte con voz propia en Bruxelas para defender os seus intereses", sinalan. A candidatura será elixida pola militancia nacionalista en asembleas comarcais durante o mes de abril e o proceso rematará coa súa aprobación definitiva por parte do Consello Nacional.

Desde o BNG apuntan que artellarán unha campaña "netamente galega ao longo e ancho do país" para trasladar "tanto o traballo feito na Eurocámara en defensa da Galiza ao longo desta lexislatura, como as principais liñas de traballo e propostas de futuro en defensa dos intereses dos e das galegas, en particular en sectores como pesca e agricultura, onde as decisións que se adoptan en Bruxelas teñen un grande impacto".

Ademais das forzas xa mencionadas, a coalición Agora Repúblicas tamén conta co apoio de formacións políticas doutros territorios como Canarias ou Asturias que van pedir o voto para a coalición, aínda que non estarán integradas formalmente na mesma.

Comentarios