Entrevista

Bucharaya Hamudi Beyoun, primeiro ministro saharauí: "Non queremos seguir combatendo, pero Marrocos non entende outra linguaxe"

O primeiro ministro da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), Bucharaya Hamudi Beyoun, recibe Nós Diario no campamento de refuxiadas de Boujdour, en Alxeria, na primeira entrevista que concede a un medio estranxeiro desde a rotura da tregua en novembro entre o Polisario e Marrocos.
Bucharaya Hamudi Beyoun, primeiro ministro do Sahara Occidental. (Foto: I. V.)
photo_camera Bucharaya Hamudi Beyoun, primeiro ministro do Sahara Occidental. (Foto: I. V.)

Bucharaya Hamudi Beyoun (Dajla, 1954) estudou Economía na Habana, Cuba, e é coñecedor da Galiza e do Estado español, pois en 2008 asumiu a representación da Fronte Polisario no Estado. Foi elixido Primeiro Ministro da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) por terceira vez o 14 de xaneiro de 2020, tras a celebración do XV Congreso do Polisario decorrido en Rifariti. Previamente exerceu o mesmo cargo de 1993 a 1995 e de 1999 a 2003.

Hamudi Beyoun recibe Nós Diario no momento en que unha delegación galega de edís de 15 concellos galegos visitaron os campamentos de refuxiadas e refuxiados en Tindouf (Alxeria), onde Médicos do Mundo certifica que viven 173.600 persoas en condicións climáticas extremas. A delegación galega acudiu para coñecer de primeira man a realidade do pobo saharauí e os proxectos de axuda humanitaria impulsados desde a Galiza.

—O 13 de novembro de 2020 a Fronte Polisario denunciou que Marrocos rompera o cesar o fogo declarado en 1991. Desde entón o Sahara leva sufrindo tres anos de guerra. Neste contexto, e como primeiro ministro da República Árabe Saharauí Democrática, que valoración fai do cambio da posición histórica que viña mantendo o Estado español respecto ao Sahara?
Desde os tempos de Felipe González, nunca os Gobernos españois -sobre todo os socialistas- tiveron unha posición transparente, clara nin firme respecto á defensa do dereito internacional. Sempre mantiveron unha posición confusa, agás o actual presidente, Pedro Sánchez, que foi máis claro en definir esa posición desfavorábel á tese da ocupación marroquí. É lamentábel, pero iso non cambia a natureza do conflito, nin tampouco a dispoñibilidade do pobo saharauí a seguir combatendo na guerra de liberación.

—Que papel xogou Marrocos neste cambio de postura?
Na miña opinión hai unha chantaxe marroquí ao presidente español. Marrocos ten moitas formas de chantaxear: recentemente demostrouse o “Marocgate” coa compra de vontades de parlamentarios europeos para mudar a súa posición sobre o Sahara, ou a espionaxe que fixo Marrocos aos Gobernos francés e español a través de Pegasus.

Polo tanto, ten moitos instrumentos para presionar e para facer sabotaxe aos europeos, e estou convencido de que están a presionar o presidente do Goberno español. Non sei que presión están a facer, pero desde logo, para que isto sexa unha posición só do presidente do Goberno e non do conxunto do Congreso nin da opinión pública, é porque realmente hai unha chantaxe.

—Levan 30 anos esperando un referendo de autodeterminación que non chega. Ten a comunidade internacional abandonada causa saharauí?
Hai que lembrar que non fomos nós quen propuxemos o referendo, foi a comunidade internacional. Nós estabamos combatendo e gañando a guerra contra Marrocos e nese momento a comunidade internacional presentouse e ofreceu o referendo. Nós non podiamos estar en contra dese referendo, pero é claro que non acertamos nesa decisión, porque realmente non había ningunha vontade dos países nas Nacións Unidas: querían un referendo como unha válvula de escape para que Marrocos respirase, e rematase esa presión.

Por iso cando agora, desde Occidente, dise que hai que buscar unha solución acordada e negociada polas partes, nós dicimos que xa se acordou o referendo, que xa se firmou o referendo ante as Nacións Unidas. Que outra solución negociada? Non hai outra solución negociada. Esa é razón pola que tomamos as armas de novo, porque Marrocos rompeu o cesar o fogo. Teremos que afrontar outros anos de guerra e volver a onde comezamos, porque Marrocos ten que perder a guerra.

—Dúas xeracións de saharauís naceron nos campamentos de refuxiadas e refuxiados. É a guerra a solución aos seus problemas?
Nunca optamos á guerra como solución, pero non nos deixaron outra alternativa. Marrocos tratou de impor a ocupación polas armas e non puido. Tratou de ofrecer a autonomía como solución e non puido. Non queremos seguir combatendo, pero Marrocos non entende outra linguaxe, e esta guerra vai conducir a unha situación semellante á de 1991, cando Marrocos foi obrigado, forzado, a firmar un acordo de cesar o fogo.

Non é que sexamos mellores militarmente: nin temos as armas, nin os soldados nin o exército que ten Marrocos, pero o soldado marroquí non combate, entrégase. O soldado marroquí non quere morrer no deserto, porque non é a súa causa, e non defende Casablanca. Marrocos meteuse nun labirinto do que hai que axudalo a saír, e esa axuda pasa por contribuír a que mellore a súa educación, a saúde ou os dereitos humanos, non para lanzar bombas e drones contra os saharauís. Axudalos para gañar a guerra non vai beneficiar ninguén: é seguir alongando a agonía na rexión.

—Como valora o papel que exerce a sociedade galega no apoio á causa saharauí?
Hai un entendemento bastante bo, especialmente entre os diferentes grupos parlamentarios, e iso é moi positivo. Co Sáhara, están todos os grupos galegos xuntos: o Bloque Nacionalista Galego, o Partido Popular e o Partido Socialista, pero tamén os sindicatos, as universidades... Hai un movemento solidario moi amplo na Galiza, con moita coherencia, e á vangarda en cooperación. Temos moi boa relación coa Galiza.

Comentarios