Localizados todos os desaparecidos no incendio da discoteca de Murcia, un caso baixo segredo de sumario

As cinco persoas que foran declaradas desaparecidas este domingo após o tráxico incendio que se cobrou as vidas de trece persoas nunha zona de lecer nocturno de Murcia apareceron xa en bo estado, e os bombeiros informan de que non apareceron máis cadáveres na zona.
Bombeiros traballando na sala Teatre, unha das afectadas polo incendio. (Foto: Javi Carrión / Europa Press)
photo_camera Bombeiros traballando na sala Teatre, unha das afectadas polo incendio. (Foto: Javi Carrión / Europa Press)

O delegado do Goberno español en Murcia, Francisco Jiménez, vén de informar da aparición das cinco persoas que continuaban en paradoiro descoñecido desde a madrugada deste domingo, cando un incendio nunha zona de lecer nocturno da capital desta rexión deixou 13 vítimas mortais en tres discotecas. Todas elas están en bo estado e, aliás, os bombeiros e persoal de emerxencias remataron a busca entre os cascallos e non acharon novos cadáveres.

A investigación do sucedido está actualmente baixo segredo de sumario, ta e como decretou a última hora do domingo o maxistrado do xulgado de Instrución número 7 de Murcia, en funcións de garda. Tras o aviso do incendio, a autoridade xudicial desprazouse, canda dous médicos-forenses do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses da Rexión de Murcia (IMLCF), ao lugar do sinistro, onde se efectuaban os labores de recuperación de restos humanos, arrefriado e aseguramento das estruturas afectadas polo fogo.

A comisión xudicial, formada polo maxistrado, a letrada da Administración de Xustiza e os dous médicos forenses procedía ao levantamento de cadáveres, xunto ao equipo de especialistas da Policía Científica da Policía Nacional, que iniciaban os traballos para a posterior identificación. Segundo explicou a última hora o maxistrado de garda, José Fernández Ayuso, estes equipos non darán por fechada a súa actuación mentres os labores de retirada de cascallos e aseguramento dos inmóbeis afectados non permitan unha completa inspección ocular técnico-policial de toda a superficie sinistrada.

Esta mesma mañá catro equipos médico-forenses da Región de Murcia comezaron, de forma coordinada, as autopsias para a identificación dos restos mortais, tras o traslado dos cadáveres á sede do IMLCF. Até o momento, dos trece corpos recuperados, en catro casos puidéronse cotexar impresións dixitais, aínda que, segundo explica o director do Instituto, Juan Pedro Hernández del Rincón, tamén se obtiveron mostras para realizar a análise de ADN, do mesmo modo que nos nove casos restantes, para a súa remisión ao Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses.

A entrega dos corpos a familiares ou persoas próximas ás vítimas realizarase cando o autorice a autoridade xudicial competente, unha vez recibido o informe preliminar de autopsia no xulgado e cando os cadáveres estean plenamente identificados.

Empresarios do lecer nocturno piden "depurar responsabilidades"

A patronal estatal do lecer nocturno Spain Nightlife e a Asociación Internacional de Lecer Nocturno (International Nightlife Association) esperan que as autoridades competentes poidan esclarecer, no marco da investigación xa aberta, as causas do incendio, "por se hai que depurar responsabilidades no caso de que se cometese algunha neglixencia".

Ambas as organizacións solidarizáronse e mandaron as súas "máis sentidas condolencias" aos familiares e amigos dos falecidos. "Estamos consternados e impactados polo sucedido e, nestes momentos de dor, queremos mandar todo o noso apoio, afecto e ánimos aos familiares e amigos das persoas que perderon a vida nesta traxedia. Así mesmo, desexamos unha pronta recuperación ás persoas que resultaron feridas no mesmo", expresou o secretario xeral da patronal estatal e internacional, Joaquim Boadas.

Comentarios