Dinamarca recoñece que matou civís nos bombardeos da OTAN a Libia

O Exército danés coñecía a información en 2012 mais non a revelou.
O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, e o ministro de Defensa de Dinamarca, Troels Lund Poulsen. (Foto: NATO / DPA)
photo_camera O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, e o ministro de Defensa de Dinamarca, Troels Lund Poulsen. (Foto: NATO / DPA)

O Ministerio de Defensa danés admitiu, após facerse públicos documentos que o demostraban, que as súas Forzas Armadas participaron en ataques aéreos que asasinaron 14 civís en Libia en 2011, como parte dos bombardeos nunha misión da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) contra o país, recolleu esta quinta feira o xornal The Guardian.

A operación lanzada pola alianza militar liderada polos Estados Unidos levou a cabo ataques aéreos en apoio á oposición a Muamar al Gadafi, cuxa morte desatou unha guerra civil que se estende até a actualidade, co país dividido en dous Gobernos enfrontados, cada un deles apoiado por múltiples grupos armados.

O país nórdico anunciou que abriu unha investigación para avaliar “se os documentos apuntan a ramificacións de tal magnitude que indiquen que se debería ter feito unha investigación naquel momento”.

Amais de Dinamarca, os Estados Unidos, o Reino Unido, Francia, Bélxica, o Canadá, Italia, Noruega, Qatar e os Emiratos Árabes Unidos estiveron implicados nos bombardeos. Non obstante, só Copenhague recoñeceu a súa responsabilidade na morte de civís.

Así e todo, os militares daneses xa resolveran en 2012 que os falecementos estaban vinculados cos seus ataques, mais non o trasladaron ao público, o que impediu que as familias das vítimas puideran denunciar e obter algunha compensación ou reparación, ao non coñecer en que país se tería que presentar a demanda.

A pesar diso, un funcionario da OTAN sostivo que os bombardeos a Libia tiveron “unha precisión sen precedentes” e que os bombardeos dirixíronse a “obxectivos militares lexítimos”.

Comentarios