Elevan a dez a cifra de vítimas mortais no incendio de València

A fachada contiña un material altamente inflamábel.
Edificio queimado en València.(Foto: Jorge Gil / Europa Press)
photo_camera Edificio queimado en València.(Foto: Jorge Gil / Europa Press)

Pilar Bernabé, delegada do Goberno español no País Valencià, confirmou hoxe que dez persoas faleceron no incendio que se desatou a quinta feira nun edificio no barrio de Campanar, na cidade de València, e no que as lapas se estenderon por toda a fachada en apenas media hora.

Amais, indicou que xa non hai persoas desaparecidas, logo de descubrirse todos os corpos e localizarse outras catro persoas con vida. Bernabé rexeitou ofrecer máis información, sinalando que o xulgado decretou que as actuacións permanezan en secreto para protexer a intimidade das vítimas e salvagardar os avances na investigación.

15 persoas, cuxa vida non corre perigo, resultaron feridas.

A Asociación de veciños de Campanar demandou ás Administracións que efectúen inspeccións de forma “moi severa” e “periódica” para controlar que se cumpran “as regras de construción” e o “regulamento correspondente”.

Esta petición produciuse após explicar persoas expertas que a rápida propagación do lume pola fachada debeuse a que contiña material inflamábel. Ademais, Iván Cabrera, da Universitat Politècnica de Valencia, debullou que as condicións climáticas eran “unha bomba de reloxería”, cun vento do sur “extremadamente seco e potente que alimentou o lume”.

Non está claro que provocou o incendio, que iniciou no sétimo piso, nun apartamento no que non había ninguén.

Tres días de loito

O presidente do País Valencià, Carlos Mazón, decretou tres días de loito en todo o territorio, nun suceso que tamén levou por primeira vez a suspender o acto inaugural das Falles, unha das celebracións máis importantes do país.

Comentarios