Estados Unidos apoia que Israel ataque durante as próximas semanas Gaza tras non estenderse o alto o fogo

Apenas horas despois de que Washington ratificara que apoiaría Israel cando reactivase a agresión a Gaza, rexeitando un alto o fogo permanente, o Exército sionista estaba xa bombardeando as e os civís palestinos logo de non lograrse un pacto para estender a tregua.
Palestino ferido hoxe polos ataques israelís no hospital dos Mártires de al Aqsa, en Dair El Balah, no centro da Faixa de Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press)
photo_camera Palestino ferido hoxe polos ataques israelís no hospital dos Mártires de al Aqsa, en Dair El Balah, no centro da Faixa de Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press)

Nos primeiros bombardeos israelís contra o territorio palestino de Gaza após a fin na mañá de hoxe dun alto o fogo que durou sete días foron destruídos un edificio residencial no campo de refuxiados de Jabalia, no norte da zona, e outro no sur da Faixa.

No mínimo 178 palestinas e palestinos foron asasinados por Israel e 589 feridos ao longo da xornada, que se unen ás máis de 15.000 persoas que faleceron en case sete semanas de ataques indiscriminados, cun intento de invasión do norte de Gaza. Máis de 6.150 das vítimas eran nenas e nenos. Ademais, arredor de 7.000 persoas están desaparecidas e témese que se atopen soterradas baixo os cascallos dos edificios bombardeados por Israel.

A resistencia palestina replicou co lanzamento de proxectís e ataques de morteiro a múltiples localidades israelís.

A agresión sionista, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican como unha limpeza étnica e un xenocidio, reactivouse cando só nove dos 35 hospitais de Gaza están operativos, confirmou a Organización Mundial da Saúde (OMS), máis de 60% dos fogares ficaron destruídos ou danados polos bombardeos e o aumento da entrada de axuda humanitaria aínda estaba lonxe de solucionar a falta de alimentos, medicamentos, combustíbel ou auga potábel polo asedio ao que Israel someteu o territorio. 1,8 millóns de persoas das 2,3 millóns que residen alí están desprazadas.

O xefe do Comité Internacional da Cruz Vermella, Robert Mardini, declarou que a volta dos ataques devolve o pobo palestino de Gaza “á situación de pesadelo na que se atopaba antes da tregua”, e James Elder, voceiro do Fondo da ONU para a Infancia, Unicef, resaltou que “quen está ao mando decidiu que volvan morrer crianzas” e que o ataque ás e aos gazatís “non traerá máis que carnizaría”.

Tanto a organización palestina que goberna Gaza, Hamás, como o Goberno de extrema dereita en Israel, que pactaran o alto o fogo coa mediación de Qatar e entre unha forte presión internacional contra os israelís, cruzaron acusacións sobre a responsabilidade de que as negociacións para prorrogar a tregua -como xa se fixera en dúas ocasións- non frutificaran.

O certo é que na madrugada de hoxe, o xornal The Wall Street Journal chegou a publicar que fontes de Exipto -que canda os Estados Unidos tamén se desempeña como intermediario- confirmaran unha extensión de 24 horas no pacto baixo as mesmas premisas, a liberación de palestinas e palestinos presos en Israel a cambio da liberación das e dos israelís detidos en Gaza.

Porén, ás 5 da mañá na Galiza o Exército israelí aseverou que interceptou un proxectil lanzado desde Gaza, e pouco despois a axencia Shehab informou de explosións e disparos no norte do territorio palestino. No marco da tregua os soldados sionistas mataron dous palestinos na zona e dispararon contra civís.

Á hora á que expiraba a tregua, as 6 da mañá, Israel apresurouse a ratificar que xa estaba a bombardear Gaza e inculpou Hamás de violar o acordo e non proporcionar unha lista das persoas capturadas que entregaría no caso de estenderse o entendemento.

Nos sete días de tregua a organización palestina liberou 105 persoas, 81 mulleres e menores de idade israelís e 24 estranxeiros, e Israel fixo o mesmo con 240 mulleres e menores de idade de Palestina. As autoridades israelís sosteñen que aínda hai 137 persoas en Gaza capturadas na operación palestina do 7 de outubro.

Ao tempo, a organización palestna culpou Israel por socavar todo o proceso de negociación na última semana. Osama Hamdan, un alto cargo de Hamás, explicou que “onte [pola quinta feira] pola noite estábamos a falar de estender o alto o fogo temporal” e “aceptamos tres suxestións” dos mediadores para chegar a un acordo, mais “todas foron rexeitadas polos israelís”.

Aval estadounidense

En paralelo, o Goberno de Gaza responsabilizou a “comunidade internacional, encabezada polos Estados Unidos”, dos “crimes da ocupación israelí” despois de darlle “luz verde para que continúe a súa guerra sen respectar as leis da guerra e as leis internacionais humanitarias”.

Horas antes da volta da agresión militar sionista contra Gaza, John Kirby, voceiro da Casa Branca, ratificou que Israel seguiría “atopando o apoio dos Estados Unidos” cando a guerra se reactivase, e incidiu en que “non apoiamos un alto o fogo permanente”.

Asemade, medios israelís transmitiron que durante a súa participación na reunión do Gabinete de guerra sionista, o titular de Exteriores estadounidense, Antony Blinken, deu “semanas” a Israel para continuar coa agresión militar ao ritmo actual, detallando que está a aumentar a presión interna e internacional contra o presidente Joe Biden para que rematen os bombardeos sistemáticos contra Gaza.

A el precisamente se dirixiu o seu homólogo brasileiro, Lula da Silva, atribuíndolle apatía e falta de “sensibilidade” por non parar o “xenocidio” en Gaza malia a influencia que ten sobre Israel.

Sexa como for as negociacións continuaban hoxe. Ao respecto, Qatar recalcou que “os continuos bombardeos en Gaza nas primeiras horas” tras a tregua estaban a dificultar “os esforzos de mediación” e ampliar “a catástrofe humanitaria na Faixa”.

O Exército sionista xera obxectivos con IA

Unha investigación dos portais +972 Magazine e Local Call desvelou que o uso de intelixencia artificial para elixir que atacar en Gaza está relacionado co número de masacres de civís. Nese sentido, afirmou que o ataque a vivendas, institucións e infraestrutura civil foi deliberado para “crear un shock” entre a poboación civil para que premese Hamás, o que non hai indicios de que acontecera até o de agora.

Unha das fontes describiu a tecnoloxía como unha “fábrica de asasinatos en masa”, que ademais conta con datos da maioría das casas en Gaza, así como dos civís que viven nelas, polo que Israel é consciente do volume de civís que está a asasinar nos seus ataques sistemáticos e indiscriminados.

Netanyahu loita por manterse no posto

O coronel retirado de Turquía Yusuf Alabarda indica que “Netanyahu está tratando de lograr os seus obxectivos políticos, non os de Israel”. O primeiro ministro sionista está sendo cada vez máis cuestionado por non evitar a operación palestina do 7 de outubro até dentro do seu Gabinete. Previamente ao fin da tregua, o xornal The New York Times sinalou que máis dun ano antes dos feitos Israel coñecía o plan deseñado pola organización palestina Hamás.

Comentarios