Evacuados por ameazas seis colexios e unha canle pública en Alemaña

O Palacio de Versalles, en Francia, foi desaloxado sete veces.
Centro de transmisión da canle pública alemá 'ZDF' en Mainz. (Foto: Olaf Kosinsky)
photo_camera Centro de transmisión da canle pública alemá 'ZDF' en Mainz. (Foto: Olaf Kosinsky)

Unha vaga de ameazas de bomba levou ao desaloxo hoxe en Alemaña de cando menos seis centros educativos en tres Estados e das oficinas centrais da cadea pública ZDF, situadas en Mainz, o que afectou 600 traballadoras e traballadores, informaron as autoridades alemás.

Na meirande parte dos casos as ameazas foron recibidas por correo electrónico. No que atinxe á ZDF, o rexistro por parte do equipo de artificieiros das forzas de seguridade non revelou ningún obxecto sospeitoso.

En Francia, ameazas similares espalláronse a semana pasada polo territorio, obrigando a baleirar en até sete ocasións o Palacio de Versalles, aeroportos, colexios ou o Museo do Louvre, no contexto da alerta terrorista máxima polo asasinato por parte dun xihadista dun profesor nun instituto no norte do Estado.

París transmitiu que os aeródromos recibiron até 70 alertas falsas por ameazas de bomba e que se abriron máis de 60 investigacións ao respecto. O presunto autor dunha alerta sobre Versalles compareceu hoxe perante a Xustiza, que reclama até dous anos de prisión e 30.000 euros.

Comentarios