Xustiza

Facturas falsas e empresas 'pantalla': a Fiscalía denuncia a parella de Ayuso por defraudar até 350.951 euros a Facenda

Alberto González Amador e outras catro persoas están a ser investigados pola Xustiza madrileña pola presunta comisión de dous delitos de defraudación tributaria e un de falsidade en documento mercantil.
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, nun acto recente. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, nun acto recente. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

A Fiscalía de Madrid vén de presentar nos xulgados de instrución unha denuncia contra Alberto González Amador, parella da presidenta da Comunidade de Madrid, a popular Isabel Díaz Ayuso, pola presunta comisión de dous delitos de defraudación tributaria e un de falsidade en documento mercantil. Así consta nunha denuncia, adiantada por ElDiario.es, na que o fiscal imputa estes tres delitos a González Amador e mais a Maximiliano Eduardo N. G., David H. L., Agustín C. S. e José Miguel C. S..

Na denuncia, o fiscal solicita que se tome declaración a estas persoas en calidade de investigados e que testifiquen como peritos os inspectores de Facenda que elaboraron o informe da Axencia Tributaria relativo a este asunto. Están acusados de dous delitos de defraudación tributaria relativos ao Imposto de Sociedades dos exercicios 2020 e 2021 da entidade Maxwell Cremona Ingenieria y Procesos Sociedad para el Fomento del Medioambiente S.L. e un presunto delito de falsidade en documento mercantil.

A Fiscalía investiga, a raíz dun informe da Axencia Tributaria, unha presunta fraude fiscal ao detectárense durante unha investigación que durou dous anos "uns gastos ficticios baseados en facturas emitidas por diversas sociedades". Uns gastos, sinala, "que non se corresponden con servizos realmente prestados", e todo iso "coa finalidade de ingresar no erario público menor cantidade da que lle correspondía abonar polo Imposto de Sociedades dos Exercicios 2020 e 2021", recolle a denuncia do fiscal.

O pasado 22 de xaneiro, a Fiscalía recibiu da da Axencia Tributaria un informe referido á entidade Maxwell Cremona do que se deducen "determinados datos e indicios sobre feitos relativos ao Imposto Sobre Sociedades correspondente aos exercicios do ano 2020 e 2021 que puidesen resultar constitutivos de delito". O informe falaba de dous delitos contra a Facenda Pública ao resultar "unha fraude tributaria cuantificada pola Inspección de Facenda en contía superior a 120.000 euros" e dun presunto delito de falsidade en documento mercantil "ao achegarse unhas facturas que non se corresponden con servizos realmente prestados e achegadas coa finalidade de minorar a cota tributaria a satisfacer".

Por mor deste informe, a Fiscalía acordou o pasado 23 de xaneiro abrir dilixencias de investigación, o que derivou na o presentación da citada denuncia nos xulgados de instrución de Madrid. Segundo o fiscal, a dirección da sociedade no período comprobado corría a cargo dun administrador único, Alberto González Amador, parella da presidenta rexional madrileña. Por parte da Axencia Tributaria iniciáronse actuacións de comprobación o 12 de maio de 2022.

No decurso das devanditas actuacións de comprobación para o Imposto Sobre Sociedades dos exercicios 2020 e 2021 desta sociedade, segundo a denuncia, "detectouse que, coa finalidade de eludir a súa tributación, ante o incremento do volume de negocios que experimentara neses exercicios, levou a cabo determinadas condutas, coa única finalidade de reducir a devandita tributación".

Facturas falsas

Segundo o fiscal, deducíronse "indebidamente gastos en virtude de facturas que non se corresponden con servizos realmente prestados, facturas que foron xiradas polas mercantís MKE Manufacturing SA de CV, Gayani LTD, Purpura Star SL, Baluarte Desarrollo de Centro Especial de Empleo SL, Desarrollo de CEE A Manancial SL, Bianconera Spa SL e Ginmosur SL".

Por exemplo, exponse que, "no exercicio 2020, deduciuse a factura por importe de 620.000 euros emitida pola sociedade mexicana Mke Manufacturing SA de CV na que actuaba como representante Maximiliano Eduardo N. G., empresa que non realizou ningún servizo ou traballo á entidade Maxwell Cremona". Segundo consta na denuncia, no exercicio 2021, Maxwell Cremona facturou algúns dos seus servizos ao seu principal cliente Quirón Salud, facéndoo a través da empresa Masterman & Whitaker SL, da que é socio único e administrador Alberto G. A..

"Dita empresa carece de medios materiais para prestar eses servizos, os cales se prestaban con medios de Maxwell Cremona, buscando Alberto G. con esa conduta un aforro fiscal ao trasladar parte a actividade a unha sociedade vinculada con el, coa finalidade de xerar bases impoñíbeis negativas en Masterman&Whitaker SL a compensar no futuro cos beneficios que aquela puidese obter", recolle o documento.

Fraude de até 350.951 euros

A Axencia Tributaria sostén que polos períodos impositivos comprendidos no ano 2020 e 2021, non veraces, "deixouse de ingresar co seu comportamento fraudulento a contía, de 155.000 euros para o Imposto de Sociedades do ano 2020 e de 195.951,41 euros para o Imposto de Sociedades do ano 2021 no Erario Público".

A denuncia sinala que "no presente caso, como elemento obxectivo do tipo, concorre indiciariamente a conduta defraudadora, que consiste en reflectir na declaración do Imposto de Sociedades dos exercicios 2020 e 2021 da entidade Maxwell Cremona uns gastos ficticios baseados en facturas emitidas por diversas sociedades reflectidas ao longo do noso escrito". "Gastos que non se corresponden con servizos realmente prestados, e todo iso coa finalidade de ingresar no erario público menor cantidade da que lle correspondía abonar polo Imposto de Sociedades dos Exercicios 2020 e 2021", recolle.

Comentarios