A exclusiva de 'Nós Diario' sobre os vínculos entre a Xunta e os Ayuso volve saltar á palestra co 'Caso Koldo'

A exclusiva de 'Nós Diario' de 2022 sobre os contratos na pandemia regresa á actualidade informativa.
Miguel Tellado e Isabel Díaz Ayuso durante unha conversa (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).
photo_camera Miguel Tellado e Isabel Díaz Ayuso durante unha conversa (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).

Os ecos do 'caso Koldo' resoan polos corredores do Congreso español sen que aínda chegue a albiscarse realmente a magnitude desta trama. O xuíz da Audiencia Nacional que instrúe a causa, Ismael Moreno, sinalou como "intermediario" na operación de compra de máscaras o ex ministro José Luis Ábalos, se ben, polo de agora, non figura como investigado, como si o están outras sete persoas -unha delas o propio ex asesor de Ábalos, Koldo García-, polos presuntos delitos de organización criminal, branqueo de capitais, suborno e tráfico de influencias.

Os acontecementos sucédense tan rápido que non dan case tempo a reaccionar ás persoas afectadas. Neste contexto, o portavoz do PP, Miguel Tellado, fica agora tamén no albo. Segundo figura no auto do xuíz Moreno, Koldo García dixéralle ao presunto 'cerebro' da trama, o empresario Juan Carlos Cueto, que quedara "con Miguel Tellado e con Alberto [de quen non se confirmou a identidade no escrito] ao día seguinte" nunha chamada que tivo lugar o 2 de decembro do pasado ano.

En consecuencia, outros casos sospeitosos de enriquecemento por parte de autoridades políticas e das súas contornas á custa das compras de material sanitario na crise da pandemia están volvendo saír á palestra, como por exemplo a adquisición da Comunidade de Madrid de máscaras a través do intermediario Tomás Díaz Ayuso, irmán da presidenta Isabel Díaz Ayuso.

A Xunta e os Ayuso

Neste sentido, tamén outras cuestións volven estar de actualidade polo balbordo que xera esta situación. Así, diversos medios aludiron á exclusiva de Nós Diario -de marzo de 2022- sobre a compra de material sanitario por parte da Xunta da Galiza a unha empresa vinculada cos Ayuso no inicio da pandemia.

En abril de 2020, o Goberno galego adxudicou a "contratación de emerxencia de monitores de parámetros fisiolóxicos" a Prhoinsa. Fíxoo mediante o procedemento "con negociación sen publicidade", segundo recolle a propia Plataforma de Contratación da Xunta. Así, a Consellaría de Sanidade adxudicou 298.265 euros a Prhoinsa, que tiña por administrador único a Juan Carlos Herrero Casasola, segundo o Rexistro Mercantil. 

Este empresario foi cofundador de Sismédica S.L., segundo desvelara Infolibre, compañía da que Isabel Díaz Ayuso manifesta ter 50% na súa declaración de bens patrimoniais e da que é administrador único o seu irmán. Na altura, Casasola posuía outra empresa, MC Infortécnica SL, coa nai dos Ayuso, segundo datos do Rexistro Mercantil aos que tivo acceso Nós Diario.

Comentarios