A Fronte Polisario solicita que non se inclúan os territorios saharauís no Mundial de 2030

A antiga colonia española do Sáhara Occidental foi ocupada por Marrocos en 1975 a pesar da resistencia da Fronte Polisario, con quen se mantivo en guerra até 1991, cando ambas as partes asinaron un cesamento do fogo con vistas á organización dun referendo de autodeterminación. Pero as diferenzas sobre a elaboración do censo e a inclusión ou non dos colonos marroquís impediu até o momento a súa convocatoria. Ademais, tras unha acción militar marroquí contra activistas saharauís en Guerguerat, o 14 de novembro de 2020, o Polisario considerou o cesamento do fogo roto.
O presidente da República Árabe Saharauí Democrática e líder da Fronte Polisario, Brahim Ghali, nunha viaxe ao Salvador. (Foto: Camilo Freedman / ZUMA Wire / dpa).
photo_camera O presidente da República Árabe Saharauí Democrática e líder da Fronte Polisario, Brahim Ghali, nunha viaxe ao Salvador. (Foto: Camilo Freedman / ZUMA Wire / dpa).

Fronte Polisario advertiu de que haberá "graves consecuencias" se se inclúen os territorios saharauís ocupados por Marrocos no mundial de fútbol de 2030, que acollerá o país magrebí xunto aos Estados español e portugués. "Será un nefasto acto con graves consecuencias para a paz e a seguridade na rexión, especialmente á luz do actual estado de guerra que vive a rexión", en referencia á ruptura do cesamento do fogo entre as partes desde novembro de 2020, apuntou o secretario xeral da Fronte Polisario, Brahim Ghali.

Ghali remitiu unha carta ao secretario xeral da ONU, António Guterres, na cal condenou os actos cos que Marrocos "quere impor os feitos consumados pola forza nos territorios saharauís ocupados" coa intención de "normalizar" e "lexitimar" a "ilegalidade da ocupación do noso país", que a ONU considera como "territorio pendente de descolonización".

Por outra parte, Ghali pediu aos países organizadores "cumprir coas súas obrigas e absterse de emprender calquera acción ou calquera forma de asistencia ao Estado ocupante marroquí que poida conducir á consolidación dunha situación ilegal no territorio do Sahara Occidental".

Ghali pediu ademais á ONU e ao seu Consello de Seguridade que "poñan fin ás accións ilegais de Marrocos nas zonas saharauís ocupadas" que prexudican "as perspectivas de relanzar o proceso de paz", segundo a misiva, recollida pola axencia de noticias saharauí SPS.

A Fronte Polisario pide así a Guterres "que adopte todas as medidas necesarias [...] para preservar o status internacional do Sahara Occidental en espera da descolonización do territorio sobre a base do exercicio libre e democrático do pobo saharauí". "O pobo saharauí necesita exercer o seu dereito á libre determinación porque é unha norma imperativa de dereito internacional", remachou.

A historia

A antiga colonia española do Sáhara Occidental foi ocupada por Marrocos en 1975 a pesar da resistencia da Fronte Polisario, con quen se mantivo en guerra até 1991, cando ambas as partes asinaron un cesamento do fogo con vistas á organización dun referendo de autodeterminación.

Pero as diferenzas sobre a elaboración do censo e a inclusión ou non dos colonos marroquís impediu até o momento a súa convocatoria. Ademais, tras unha acción militar marroquí contra activistas saharauís en Guerguerat, o 14 de novembro de 2020, o Polisario considerou o cesamento do fogo roto.

Os saharauís sufriron un revés cando o Goberno español apoiou o plan de autonomía marroquí, un cambio de postura que foi cualificado de traizón pola Fronte Polisario e que desatou tamén as críticas de Alxeria.

Comentarios