O Govern catalán, nunha situación límite

A tensión entre os socios de Goberno Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Junts aumentou tras o debate de política xeral no cal, o president, Pere Aragonès, chamou a manter a continuidade dos socios de Goberno, petición que non tivo éxito.
O presidente da Generalitat, Pere Aragonès. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Generalitat, Pere Aragonès. (Foto: Europa Press)

O Goberno da Generalitat de Catalunya vive o que parecen ser as súas últimas horas. A tensión entre os socios de Goberno Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Junts aumentou tras o debate de política xeral no cal, o president, Pere Aragonès, chamou a manter a continuidade dos socios de Goberno, petición que non tivo éxito.

Tampouco gozou de boa acollida no debate a proposta do president de propor un acordo de claridade ao Goberno español para a organización dun referendo pactado, proposta que só aplaudiron os comúns cun distanciamento moi claro por parte de Junts.

Aragonès convocou para a tarde desta cuarta feira unha reunión extraordinaria do Consello Executivo catalán, onde se podería decidir se o Govern rompe, é dicir, se Junts sae del. A situación xa se percibía complicada na mañá desta cuarta feira, cando Aragonès suspendía a súa axenda para o día para convocar todos os conselleiros a unha reunión.

Posición dura de Junts

O portavoz parlamentario de Junts, Albert Batet, vén mantendo unha posición moi dura co titular do Govern nos últimos días. Na mañá desta cuarta feira, Batet cuestionábase "como podemos confiar nunha nova proposta de Aragonès se nin sequera cumpre o acordo de investidura?".

Declaracións ás que respondeu o máximo dirixente catalán dicindo que non entraría "en ningún xogo que someta as Institucións catalás a unha incerteza e un período de interinidade que non merecen os cidadáns de Catalunya".

"Quen tiver que tomar decisións, que as tome"

O president tamén manifestou que "se alguén tiver que tomar decisións, que as tome", nunha alusión indirecta ao debate no seo de Junts sobre a posibilidade de saír do Goberno por desacordos sobre que pasos dar no proceso independentista. Para alén diso, Aragonès recoñeceu que "parece estar bastante claro que os nosos socios de Goberno nos retiraron a confianza".

Comentarios