Madrid reforza a relación con Rabat e a renuncia á liberación do Sáhara Occidental

En proceso a delimitación das augas territoriais entre Canarias e o Sáhara Occidental.
Albares (Exteriores) co primeiro ministro marroquí, Ajanuch, hoxe. (Foto: Ministerio de Asuntos Exteriores español)
photo_camera Albares (Exteriores) co primeiro ministro marroquí, Ajanuch, hoxe. (Foto: Ministerio de Asuntos Exteriores español)

Na súa primeira viaxe oficial despois de ser reelixido polo presidente español Pedro Sánchez como ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares dirixiuse a Marrocos, onde se reuniu hoxe co seu homólogo Nasser Bourita e co primeiro ministro, Aziz Ajanuch, nunha visita orientada a reforzar “as relacións políticas, económicas, culturais e de cooperación ao desenvolvemento”, sostivo o Ministerio.

Nunha comparecencia conxunta, Albares e Bourita destacaron que as relacións bilaterais están no seu mellor momento, e ratificaron que continuarán as reunións entre grupos de traballo para fixar os límites entre as augas territoriais de Canarias e do Sáhara Occidental. Non obstante, Rabat negouse a fixar unha data para reabrir as aduanas comerciais en Ceuta e Melilla.

Na anterior lexislatura, Sánchez aceptou a soberanía marroquí sobre o territorio ocupado, o que segundo Bucharaya Hamudi Beyoun, primeiro ministro da República Árabe Saharauí Democrática, debeuse a unha “chantaxe”, no marco dos tres anos de guerra após rachar Marrocos o alto o fogo de 1991.

Esta mesma quinta feira Hamudi fala nas páxinas de Nós Diario sobre o papel que xoga no conflito o Goberno español: "Sempre mantiveron unha posición confusa, agás o actual presidente, Pedro Sánchez, que foi máis claro en definir esa posición desfavorábel á tese da ocupación marroquí. É lamentábel, pero iso non cambia a natureza do conflito".

Comentarios