Marrocos confirma máis de 2.900 mortos e 5.500 feridos após o terremoto

O norte de África rexistrou até 30 réplicas do sismo nos últimos días

Unha muller camiña nunha aldea destruída polo terremoto, en Talat N'Yaaqoub, na rexión de Marrakech-Safi (Marrocos). (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Unha muller camiña nunha aldea destruída polo terremoto, en Talat N'Yaaqoub, na rexión de Marrakech-Safi (Marrocos). (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

Máis de 2.900 persoas persoas faleceron como consecuencia do terremoto de magnitude 6,8 na escala de Richter que sacudiu na sexta feira a zona do Alto Atlas, no centro de Marrocos, segundo un novo balance oficial de vítimas divulgado esta terza feira polo Ministerio do Interior marroquí.

En concreto, o Goberno ten documentados xa 2.901 falecidos, mentres que a cifra de feridos ascende a 5.530. Só na provincia de Al Hauz pereceron 1.643 persoas, mentres que en Tarudant o dato ascende a 976, segundo un informe que dá conta de mortes nunha decena de rexións.

Os servizos de emerxencia de Marrocos continúan despregados nas zonas damnificadas, até onde só puideron acceder equipos enviados por catro Estados (España, Reino Unido, Qatar e Emiratos Árabes Unidos), posto que Rabat non aceptou a axuda ofrecida por outros Gobernos alegando razóns loxísticas.

30 réplicas do sismo

O sismo deixou até o momento arredor de 30 réplicas que superan a magnitude 3, segundo o Centro Sismolóxico Euro-Mediterráneo (CSEM), que detectou unha menor actividade sísmica nos últimos días.

Un movemento telúrico como o da sexta feira acostuma deixar unha serie de réplicas que tamén poden alcanzar niveis perigosos, se ben no caso de Marrocos o maior tivo lugar pouco despois cunha magnitude de 4,8. O sábado pola mañá, non obstante, tamén se alcanzou o 4,2 na escala de Richter.

A situación parece agora máis estabilizada (a segunda feira rexistraron unicamente dúas réplicas, con magnitudes 3,4 e 3,6) segundo o CSEM, que aglutina a información recollida polos sismógrafos de institutos oficiais de toda Europa e incluso de varios países do norte de África, como Marrocos.

Comentarios