Catalunya

A Fiscalía pide a Llarena que reactive as euroordes contra Puigdemont e Comín mentres Ponsatí é detida en Barcelona

"Mentres sigamos aquí, Catalunya continuará en pé", dixera a ex conselleira Clara Ponsatí após retornar esta mañá á capital catalá.
Puigdemont, Ponsatí e Comín na Eurocámara, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Puigdemont, Ponsatí e Comín na Eurocámara, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A Fiscalía vén de solicitar ao instrutor do procés, Pablo Llarena, que reactive as euroordes contra o ex president catalán Carles Puigdemont e o seu ex conselleiro Toni Comín para que sexan entregados ao Estado español desde Bélxica, onde residen actualmente, co fin de continuar o procedemento penal na súa contra polo referendo independentista do 1 de outubro de 2017. Os fiscais deron este paso despois de que o Tribunal Xeral da UE levantase o 5 de xullo a inmunidade da que gozaban preventivamente ambos os eurodeputados, dando vía libre así ao Tribunal Supremo a reactivar as citadas euroordes.

Nun escrito ao que tivo acceso a axencia Europa Press, os fiscais Javier Zaragoza, Fidel Cadena, Jaime Moreno e Consuelo Madrigal explican que, aínda que o fallo do tribunal pode recorrerse e as defensas xa avanzaron que o farán, esta situación non xera "efecto suspensivo" ningún. Así, "tendo en conta a súa situación persoal —"fuxidos da xustiza e en rebeldía"— resulta procedente emitir novamente ordes de detención internacionais e europeas a respecto de ambos os procesados"

Sobre as ordes de busca e captura internacionais reclamadas contra ambos, os representantes do Ministerio Público argumentan que procede acordalas "por se fose necesario tramitar solicitude de extradición". As ordes de entrega e detención europeas estaban vixentes até o pasado xaneiro, cando Llarena as deixou sen efecto tras revisar o procesamento dos fuxidos do procés á luz da reforma penal que eliminou a sedición e modificou a malversación.

Nos casos de Puigdemont e Comín, substituíu a sedición por desobediencia —un delito sen cárcere— e mantivo a malversación agravada que, conforme lembran os fiscais agora, conleva pena de prisión de entre 6 e 12 anos, "dada a elevada contía dos fondos malversados".

Clara Ponsatí, detida en Barcelona

A eurodeputada de Junts e ex conselleira do Govern de Puigdemont Clara Ponsatí foi trasladada esta segunda feira ao mediodía á Ciutat da Justícia de Barcelona para prestar declaración cando chegue, logo de ser detida na rúa Borrell da capital catalá. Fontes da Consellaría de Interior precisaron en declaracións á axencia Europa Press de que a detiveron os Mossos d'Esquadra e que actuaron como policía xudicial a instancias do xuíz.

A propia Ponsatí anunciara pouco antes que volvera a ser "detida ilegalmente en Barcelona", nun chío publicado esta segunda feira contra as 11.48 horas. Pola mañá publicara outro no que explicaba que retornara a Barcelona e que estaba a pasear pola capital catalá: "Mentres sigamos aquí, Catalunya continuará en pé".

O instrutor do procés, o maxistrado Pablo Llarena, ditou en xullo unha orde de detención nacional contra Ponsatí, contra quen non cabe unha euroorde ao estar procesada unicamente por desobediencia.

Comentarios