Francia abre a porta a sancións contra Israel e Turquía limita o comercio

A ONU nega que estea a entrar máis axuda en Gaza.
Ferido por un ataque israelí. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press / Contacto)
photo_camera Ferido por un ataque israelí. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press / Contacto)

O titular de Exteriores francés, Stéphane Séjourné, rachou co consenso da Unión Europea (UE) e os Estados Unidos á hora de limitar a reacción perante a agresión militar de Israel á Faixa de Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio e limpeza étnica, ao defender que “debe haber pancas de influencia e hai múltiples pancas, chegando a sancións para permitir que a axuda humanitaria cruce os postos de control”, recolleu a terza feira a canle Al Jazeera.

Asemade, destacou que París foi un dos primeiros en propor que a UE sancionara os colonos israelís que -co apoio dos militares- “están a cometer actos de violencia en Cisxordania”.

Jens Laerke, voceiro da Oficina da ONU para a Coordinación de Asuntos Humanitarios, negou que Israel estea a permitir o ingreso de máis axuda. Ao tempo, incidiu en que o réxime de apartheid bloquea a entrada de alimentos máis que calquera outro tipo de axuda humanitaria, o que corrobora que a fame en Gaza forma parte da súa estratexia militar.

A denuncia produciuse a pesar do rápido anuncio do Goberno de ultradereita de Israel de que abriría novos pasos e permitiría o acceso de máis axuda humanitaria ao enclave após recibir un ultimato do seu principal aliado e provedor de armas, os Estados Unidos, ante unha fame masiva causada polos sionistas que provocará a morte de máis dun millón de persoas nos vindeiros meses se a situación non muda.

Ademais, Turquía decidiu impor restricións ás exportacións a Israel até que se produza un alto o fogo, cuxas negociacións obstaculizan os sionistas, e medre o volume de axuda á Faixa. Entre as 54 categorías de produtos vetados están os de ferro, aceiro, cemento, equipos de construción ou combustíbel para avións.

Pola súa parte, Israel retrucou prohibindo algunhas importacións, solicitando as entidades estadounidenses que non invistan en Turquía e instando “os nosos amigos no Congreso” dos Estados Unidos a implementar sancións contra Ancara.

Xa na Haia, nos Países Baixos, finalizou o segundo e último día de audiencias na Corte Internacional de Xustiza para analizar a denuncia de Nicaragua contra Alemaña por ser cómplice do xenocidio en Gaza ao, entre outros, continuar armando Israel logo do comezo da agresión militar contra o territorio palestino.

Na sesión, Alemaña intentou refutar a exposición nicaraguana da segunda feira insistindo en que cumpriu as súas responsabilidades con Israel e Palestina, á vez que reiterou que o tribunal, o principal órgano xudicial da ONU, non ten xurisdición neste caso.

Aínda que o veredicto definitivo se prevé que se alongue varios anos, agárdase en semanas unha decisión arredor de hipotéticas medidas provisorias contra Alemaña, como a fin inmediata do envío de armas a Israel, garantir que o que se entregou non se use para violar o dereito internacional ou reactivar o financiamento á Axencia da ONU para os refuxiados palestinos.

Comentarios