O president catalán defende o referendo no Senado, que, como a amnistía, "deixará de ser imposíbel"

O Supremo cita a declarar Carles Puigdemont.
Pere Aragonès, a segunda feira. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonès, a segunda feira. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

“A amnistía, da noite á mañá, deixou de ser inconstitucional, deixou de ser imposíbel, como sucederá co referendo”, incidiu a segunda feira no Senado español o president catalán e candidato nos comicios adiantados do 12 de maio, Pere Aragonès (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC), na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas convocada pola maioría que ostenta o Partido Popular (PP) para abordar a medida de graza ás persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado.

Aragonès, que definiu a amnistía como “unha emenda á totalidade a unha sentenza inxusta, á ilexitimidade da represión xurídica e policial”, e que tamén fixo fincapé na necesidade dun modelo de financiamento singular para Catalunya, foi o único líder territorial que defendeu a norma, ante a ausencia do lehendakari Iñigo Urkullu e dos mandatarios do PSOE, que acusaron os conservadores de facer un uso “partidista” da institución.

Por parte do PP, asistiron as presidentas e presidentes da Comunidade de Madrid, Castela e León, Aragón, a Rexión de Murcia, País Valencià e Estremadura. Isabel Díaz Ayuso, que encabeza o Executivo madrileño, arremeteu contra a memoria histórica e insistiu en que “estamos ante un golpe contra a unidade nacional, a democracia e o Estado de dereito”, e Carlos Mazón, presidente do Gabinete valenciano conxunto coa ultraespañolista Vox, criticou o “desprezo a España” que, aseverou, supón a lexislación.

Pola súa banda, a Xunta controlada polo PP enviou o vicepresidente primeiro Diego Calvo, que se dirixiu ás senadoras e senadores do PSOE subliñando que de non cambiar de posición con respecto á amnistía “arrepentiranse o resto da súa vida”, e cualificándoa como o “punto de partida para diferenciar unhas comunidades doutras”.

Puigdemont, citado

O ex president catalán e candidato nas eleccións territoriais, Carles Puigdemont (Junts), foi citado onte polo Tribunal Supremo canda o deputado de ERC Ruben Wagensberg para declarar por videoconferencia entre o 17 e o 21 de xuño na causa polas protestas populares organizadas por Tsunami Democràtic como imputados por terrorismo.

A decisión de imputalos, contraria ao criterio da Fiscalía, enmárcase na ofensiva do sistema xudicial español, controlado polos conservadores, para frear ou obstaculizar a aplicación da amnistía.

Nese sentido, transcendeu o envío dunha guía para evitar a súa implementación nunha lista de correo corporativo na que en teoría están todos os xuíces e xuízas do Estado.

Comentarios