Catalunya

CEO: o PSC gañaría as eleccións catalás con entre 35 e 42 escanos; ERC, segunda forza

Junts ficaría na terceira posición con entre 24 e 29 escanos, segundo a enquisa difundida esta quinta feira.
Estimación de escanos para as eleccións catalás. (Fonte: CEO)
photo_camera Estimación de escanos para as eleccións catalás. (Fonte: CEO)

O PSC gañarías as eleccións ao Parlament de Catalunya cunha estimación de entre 35 e 42 escanos, mentres que ERC sería a segunda forza máis votada con entre 26 e 32 deputados e deputadas, segundo unha enquisa publicada esta quinta feira polo Centre d'Estudis d'Opinió (CEO) da Generalitat. Así consta nos resultados da primeira onda do Barómetro de Opinión Política de 2024, realizada sobre unha mostra de 2.000 persoas maiores de 18 anos entre o 9 de febreiro e o 7 de marzo e que presentou hoxe o director do CEO, Jordi Muñoz, en rolda de prensa. Junts sería a terceira forza máis votada e obtería entre 24 e 29 escanos, seguida do PP (9-13), os Comuns (8-13), Vox (9-13) e a CUP (7 -10).

En canto á porcentaxe de voto, o PSC sitúase en primeira posición con entre 25 e 29%, seguido por ERC (17-20%), Junts (15-18%), Comuns (7-10%), PP (7-10%), Vox (7-9%), CUP (5-7%) e Cs (1-2%), polo que a formación laranxa non lograría representación na Cámara catalá.

Transferencia de voto

Os Comuns e a CUP presentan as taxas máis elevadas de retención de voto: até 86% das e dos votantes do partido de Jéssica Albiach volverían apostar por ela, mentres que 81% dos simpatizantes dos 'cupaires' volverían votar a CUP. Aliás, 75% dos votantes do PSC manterían o seu voto aos socialistas, o 76% dos de ERC votarían outra vez aos republicanos e o 72% dos votantes de Junts farían o propio.

Pola contra, Ciutadans e Vox son os partidos coa taxa de retención de voto máis baixa, pois só 62% dos votantes de Vox volverían votar os de Ignacio Garriga, o 14% votaría o PP e un 10% votaría en branco, absteríase ou se mostra indeciso. No caso de Cs, só 17% dos seus votantes mantería o seu voto ao partido laranxa: o 33% votaría en branco, absteríase ou se mostra indeciso, o 28% votaría o PP, o 17% apostaría polo PSC e un 5% votaría a Vox.

Entre os socialistas, a segunda opción de voto máis mencionada é ningunha, seguido de ERC e dos Comuns; pola súa parte, o PSC é a segunda opción preferida polos votantes dos Comuns. En cambio, ERC é a segunda opción de voto para os votantes de Junts e da CUP, e Junts, o PSC e a CUP, para os votantes de ERC. Os electores de Vox elixirían o PP, e os do PP optarían tamén por Vox.

Resultados de 2021

Nas eleccións de 2021, o PSC e ERC obtiveron 33 deputados, Junts 32, Vox 11, a CUP 9, os Comuns 8, Cs 6 e o PP 3. Estas enquisas realizáronse no contexto das protestas da agricultura, as eleccións galegas, o inicio do 'caso Koldo' e dos acordos de ERC e o PSC para a aprobación dos orzamentos da Generalitat —que non saíron adiante e provocaron o adianto electoral—, e son previas á negativa dos Comuns ás contas e a convocatoria de eleccións.

Comentarios