Catalunya

Será Puigdemont o candidato de Junts?

Novas protestas do funcionariado das prisións de Catalunya.
O ex presidente catalán Carles Puigdemont (Junts). (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
photo_camera O ex presidente catalán Carles Puigdemont (Junts). (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)

Fontes de Junts trasladaron a segunda feira a medios estatais que o ex president de Catalunya e eurodeputado, Carles Puigdemont, fará público a quinta feira nunha rolda de prensa no Concello de Elna, na Catalunya Nord (enmarcada no Estado francés), se acepta ser o candidato da formación soberanista nas eleccións catalás adiantadas que decorrerán o 12 de maio.

O secretario xeral de Junts, Jordi Turull, xa subliñara o seu apoio á candidatura de Puigdemont unha vez corroborado o adianto electoral, nunha campaña que se desenvolverá antes da aprobación da lei de amnistía que lle permitirá volver do exilio en Bélxica.

As eleccións, en marcha

Pola súa parte, o actual líder catalán, Pere Aragonès (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC), rubricou o decreto para a convocatoria ás urnas. En paralelo, as primeiras enquisas efectuadas tras o anuncio duns comicios que chegan logo de fracasar no Parlament os orzamentos volven colocar Junts lixeiramente por diante de ERC.

Protestas nas prisións

Antes de que a segunda feira saíra o sol, as e os funcionarios de prisións de Catalunya continuaron coas protestas da sexta feira e o sábado e trataron de bloquear o acceso aos centros para paralizar o seu funcionamento e exixir a depuración de responsabilidades, nunha mobilización desencadeada polo asasinato dunha traballadora do cárcere de Mas d’Enric a mans dun preso que se suicidou.

Nesta ocasión, os Mossos d’Esquadra evitaron que prosperaran os bloqueos entre momentos de tensión coas e cos funcionarios. As autoridades indicaron que máis de 5.000 persoas presas non puideron saír das súas celas pola falta de persoal.

Comentarios