Catalunya

Pode Puigdemont liderar a candidatura de Junts? E ser investido president?

"É unha posibilidade. O que non se vai poder impedir é que sexa president da Generalitar se el quere selo. Os únicos que poden impedilo son os cataláns cando voten", afirma o seu avogado, Gonzalo Boye.
O presidente del Consell de la República de Catalunya, Carles Puigdemont, durante a constitución da Asamblea Territorial deste organismo, o pasado 2 de marzo. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
photo_camera O presidente del Consell de la República de Catalunya, Carles Puigdemont, durante a constitución da Asamblea Territorial deste organismo, o pasado 2 de marzo. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)

Desde que o president da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, anunciou esta cuarta feira a convocatoria de eleccións para o vindeiro 12 de maio unha pregunta paira sobre o ambiente: será o ex president Carles Puigdemont novamente candidato? Esa posibilidade xa a deslizou o secretario xeral de Junts, Jordi Turull, nada máis coñecer o adianto electoral, e o propio Puigdemont asegurou que lle faría "moita ilusión" voltar ao Parlament "despois de máis de seis anos e catro meses mantendo a Presidencia, a pesar do 155, no exilio".

Esta sexta feira foi o seu avogado, Gonzalo Boye, quen apuntou tamén a unha posíbel candidatura do ex dirixente, unha vez aprobada no Congreso a Lei de amnistía. En declaracións a RAC1, Boye confirmou a predisposición de Puigdemont a retornar a Catalunya e mesmo ser detido, pois a nova lei aínda non entrou en vigor —estímase que a finais de maio— dado que debe pasar o filtro dun Senado que, dada a maioría absoluta do PP, previsibelmente tombará para facela regresar á Cámara baixa e, aí si, obter o visto e prace definitivo.

"É unha posibilidade. O que non se vai poder impedir é que sexa president da Generalitar se el quere selo. Os únicos que poden impedilo son os cataláns cando voten", afirmou o letrado, que cre que tanto Aragonès como o presidente español, Pedro Sánchez, "temen" que Puigdemont poida concorrer aos comicios, gañalos e voltar ao poder. "Ese é o medo, e é xustificado", sinalou.

Unha cuestión de prazos

As eleccións catalás decorrerán, case con total certeza, con anterioridade á entrada en vigor da Lei de amnistía. Porén, de cumprírense os prazos estimados, podería chegar a tempo para se someter Puigdemont a unha sesión de investidura no Parlament. Actualmente a orde de detención cursada polo xuíz Pablo Llarena impide ao político catalán voltar á casa, mais a amnistía abriría a porta a que os tribunais revisasen os diferentes casos relacionados co procés e, entre eles, o do propio Puigdemont.

Suprimida esa orde e retirados os cargos, podería ser investido con normalidade de forma presencial, requisito indispensábel logo de que o Tribunal Constitucional determinase que non podía someterse a unha investidura a distancia, por vía telemática. Con todo, nada impide que concorra como candidato, aínda coa orde de detención en vigor, se así o estiman oportuno el e mais o seu partido.

As eleccións catalás, con todo, chegarán só un mes antes das europeas, unha cita á que Puigdemont contaba con asistir de novo como candidato de Junts para revalidar o escano na Eurocámara. A normativa vixente non impide que sexa candidato en ambos os comicios, mais o que non é posíbel é ser, ao mesmo tempo, eurodeputado e parlamentario en Catalunya. Para ser investido president debería, pois, renunciar á acta en Bruxelas... que lle confire a inmunidade que o protexe, polo de agora, das acusacións do Supremo no marco da macrocausa do Tsunami Democràtic.

E, de fondo, unha outra cuestión fica no ar: canto se demorará a aplicación da Lei de amnistía? Cumpriraa toda a xudicatura? Non en balde, Gonzalo Boye alude tamén a esta "preocupación" de Puigdemont, que pon en dúbida o "respecto" dos xuíces e tribunais á nova legalidade e a posibilidade de que fagan unha "obxección de conciencia" respecto á lei.

Comentarios