O ex president Puigdemont confirma que será o candidato de Junts nas catalás

Após ser destituído de forma executiva polo Estado español en 2017, Carles Puigdemont tratará de recuperar a Presidencia de Catalunya á fronte de Junts, para o que terá que superar a estimación de voto que prevén as enquisas para a formación nacionalista catalá.


 
Carles Puigdemont na súa comparecencia a quinta feira en Elna, na Catalunya Nord. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
photo_camera Carles Puigdemont na súa comparecencia a quinta feira en Elna, na Catalunya Nord. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)

“Non me gusta resignarme” cando falamos de Catalunya, recalcou a quinta feira o ex presidente catalán Carles Puigdemont, antes de detallar que “non podería explicar que, despois de pasar seis anos e medio defendendo a Presidencia no exilio, agora que temos a oportunidade de facer posíbel a restitución daquela Presidencia inxustamente, ilicitamente e ilegalmente destituída polo [artigo] 155, agora que se abre esta oportunidade, eu fuxa desta responsabilidade por razóns de comodidade persoal”, ratificando que acepta encabezar a candidatura de Junts nas eleccións catalás adiantadas do 12 de maio.

O anuncio desatou os aplausos no ateigado Concello de Elna, na Catalunya Nord, territorio catalán enmarcado no Estado francés, onde tivo que habilitarse unha pantalla xigante para poder seguir a comparecencia de Puigdemont diante da alta afluencia na localidade.

O seguinte aspecto que queda por dilucidar é como enfrontará a campaña electoral o ex mandatario, perseguido pola Xustiza española pola súa participación no proceso de autodeterminación catalán, que derivou na súa marcha ao exilio en Bélxica, no que exerce como deputado do Parlamento da Unión Europea.

A lei de amnistía, que lle permitiría volver a Catalunya sen o risco de ser arrestado, non está previsto que sexa promulgada antes do final de maio, e a data límite para que participase nunha hipotética sesión de investidura no Parlament expira nos derradeiros días de xullo.

Fontes do Tribunal Supremo español explicaron ao xornal Ara que a aprobación da medida de graza suporía a anulación da orde de detención contra el, o que tamén sostén Junts. Non obstante, un letrado penalista non identificado asegurou ao portal Público que “non está claro que iso aconteza” antes de que o sistema xudicial español, controlado polos conservadores, aplique a amnistía, para o que conta con dous meses após a sanción da norma.

Sobre a mesa está un potencial regreso de Puigdemont aínda a risco de ser detido, debullou o seu avogado e asesor, Gonzalo Boye, que transmitiu a disposición do ex president a dar este paso, deixando entrever que no peor dos casos tería que ser liberado ao ratificarse a amnistía e podería presentarse á investidura. Entrementres, o tamén eurodeputado de Junts Antoni Comín subliñou que posto que “o obxectivo é a investidura, mellor facela sen risco de detención”.

Antes do anuncio, o dixital VilaWeb apuntaba que “é unha evidencia que Junts fará do retorno de Puigdemont un argumento de campaña en si propio, pero é preciso que se encha de contido”, sobre todo tendo en conta que en 2017 xa se deu unha situación similar tras as eleccións convocadas polo presidente do Estado español, Mariano Raxoi (Partido Popular, PP), con posterioridade á suspensión da autonomía.

Daquela, Puigdemont, que acababa de ser expulsado da Presidencia pola intervención estatal en Catalunya, tamén encabezou a candidatura da formación, que reiterou que “para que volva o president, tense que votar o president”. Porén, no marco da represión contra o independentismo, o elixido finalmente polo Parlament foi Joaquim Torra, un correlixionario de Puigdemont, que se mantivo no exilio e encabezou en 2019 a candidatura de Junts nas eleccións ao lexislativo do bloque comunitario.

O presidente catalán, Pere Aragonès (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC), que repetirá como candidato, aseverou que se ten que permitir a participación de Puigdemont, ao tempo, Junts insinuou que ERC se coordinou co PSOE para evitar a súa candidatura. Pola súa parte, o mandatario español, Pedro Sánchez (PSOE), sostivo que non é unha “novidade” que se presente Puigdemont, e reclamou ao pobo catalán “mirar adiante e non atrás”.

En paralelo, ERC retou a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso (PP), a que participe con Aragonès nun debate sobre os datos económicos de cada territorio, en contestación ás críticas de Ayuso á proposta dun novo modelo de financiamento efectuada polo Govern, que reclama recadar e xestionar todos os impostos do país antes de achegar un cota pactada bilateralmente ao Estado español.

No que atinxe ao PP, que aspira a recuperar case unha década despois a cuarta praza no lexislativo catalán, aínda non fixo público quen encabezará a lista, no medio dunha pugna entre o líder en Madrid, Alberto Núñez Feixoo, e en Barcelona, Alejandro Fernández. Feixoo tratou no pasado de substituír Fernández e non quere que sexa o candidato, após eliminar calquera persoa achegada a el das candidaturas nas eleccións municipais e estatais do pasado ano, e impulsou a negociación con Ciudadanos para presentarse conxuntamente tanto en Catalunya como nas europeas de xuño.

Á vez, a forza conservadora case desaparecida tamén vive un enfrontamento entre a dirección española e catalá, con esta última denunciando que “unha integración ou disolución noutro partido está fóra dos estatutos”, apuntou o presidente do grupo parlamentario, Carlos Carrizosa.

No tocante ao resto de forzas, o Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC-PSOE) ratificou Salvador Illa; na ultraespañolista Vox, o elixido é Ignacio Garriga, que xa foi o candidato en 2021, e todo indica que En Comú Podem (ECP) fará o mesmo con Jéssica Albiach, nunhas primarias cuxos resultados definitivos serán proclamados o 30 de marzo. Pola súa banda, na Candidatura d’Unitat Popular (CUP), inmersa nun proceso de refundación, perfílase a deputada Laia Estrada.

O PSC imporíase en Catalunya, onde periga a maioría independentista

O Centre d’Estudis d’Opinió da Generalitat de Catalunya comunicou a quinta feira os resultados do primeiro Barómetro de Opinión Política deste ano, cunha mostra de 2.000 persoas consultadas antes da convocatoria electoral adiantada. Os seus datos abren a porta a que as forzas independentistas perdan a maioría absoluta na Cámara, e o PSC sería a primeira forza. PP, ECP e Vox están entre 7% e 10% dos apoios, lixeiramente por diante da CUP. Tamén informa que as persoas en contra da independencia superan en nove puntos as favorábeis, así como que 76% da poboación catalá apoia un referendo de autodeterminación e 62% a lei de amnistía.

A medida de graza, que recibiu luz verde no Congreso e agora está a ser tramitada no Senado, foi rexeitada onte polo Consello Xeral do Poder Xudicial, que mantén unha maioría conservadora tras cinco anos en funcións polo bloqueo do PP á súa renovación.

O organismo, que emitiu unha resolución tras demandala o Senado, no que o PP ten maioría, incide en que se trata dunha norma inconstitucional, reclama excluír os delitos de terrorismo -imputados a Puigdemont ou Marta Rovira, secretaria xeral de ERC, por parte dun xuíz vinculado co PP cando se negociaba a lei de amnistía- e insiste en que vulnera a separación de poderes, algo que negou a Comisión de Venecia do Consello de Europa, á que o PP solicitou un informe.

A resolución enmárcase na ofensiva lanzada polo sistema xudicial español contra a norma que beneficia persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado español.

Comentarios