'Qatargate': Rabat está implicado na trama de corrupción no Parlamento da UE

A rede que entregou a eurodeputados en activo e retirados, incluída a daquela vicepresidenta do Parlamento da UE, 1,5 millóns de euros en subornos, tería a Marruecos detrás amais de Qatar, como se informou en primeira instancia.
A eurodeputada Eva Kaili. (Foto: Philippe Buissin / Unión Europea)
photo_camera A eurodeputada Eva Kaili. (Foto: Philippe Buissin / Unión Europea)

Ademais de Qatar, Marrocos tamén forma parte da rede de corrupción no Parlamento da Unión Europea (UE), pola que foi detida a xa ex vicepresidenta da cámara, a eurodeputada grega Eva Kaili, vén de revelar o alemán Der Spiegel. A trama buscaba influenciar políticas favorábeis a estes países, así como unha mellor imaxe internacional.

Kaili e o ex deputado da UE Pier Antonio Panzeri -ambos os dous dos socialdemócratas no bloque comunitario-, a parella de Kaili e asistente parlamentar, Francesco Giorgio, e unha cuarta persoa sen identificar están arrestadas desde a pasada fin de semana, despois de que arredor de 20 rexistros permitiran atopar nas súas mans 1,5 millóns de euros en efectivo, todos en billetes de 20 e 50 euros, sinalan os medios belgas.

O semanario teutón, citando documentos da investigación, explica que distintos membros da familia de Panzeri terían sido os encargados de transportar “agasallos” entregados polo embaixador marroquí dun Estado do leste da UE.

Estes feitos provocaron que os detidos foran imputados por "pertenza a organización criminal, lavado de capitais e corrupción", informou a Fiscalía belga.

Perante a crise que supón a investigación por corrupción, coa Policía rexistrando a Eurocámara, os Ministros de Exteriores do bloque demandaron depurar responsabilidades advertindo que a credibilidade da UE está en xogo.

Nese sentido, o Parlamento vota hoxe un texto para suspender o acceso de representantes qatarís até que a Xustiza aclare o acontecido, amais, quedou adiada unha votación sobre a liberación de visas á cidadanía de Qatar. A pesar diso, Peter Stano, voceiro do Servizo Europeo de Acción Exterior, ratificou que “se hai feitos, reaccionaremos en consecuencia”, e fixo un chamamento a agardar os resultados das pescudas.

Kosovo pide entrar na UE

A República autoproclamada de Kosovo asinou onte a solicitude de ingreso á UE, que cualificaron de “histórica”, mentres que Serbia, que a considera a provincia autónoma de Kosovo e Metohia, instou os países do bloque que non recoñecen a independencia kosovar a impedir a súa adhesión.

Esta petición chega no medio das tensións coa poboación serbia no norte do territorio, que defende que Pristina busca expulsala da zona. Ao tempo, Belgrado reclama aos Estados Unidos que respecte as resolucións da Organización das Nacións Unidas que levaron a súa entrada en Kosovo, e que avalan a presenza do Exército serbio no norte do territorio.

Comentarios