Sánchez recorrerá a admisión na Mesa do Parlament da ILP catalá que pide proclamar a independencia

O PSOE nega estar a negociar un referendo.
O presidente español Pedro Sánchez o pasado domingo. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)
photo_camera O presidente español Pedro Sánchez o pasado domingo. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)

O Consello de Ministras e Ministros español aprobará a terza feira presentar no Tribunal Constitucional unha apelación contra a admisión a trámite por parte da Mesa do Parlament de Catalunya dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) de Solidaritat Catalana que reclama que o país declare a súa independencia, recolleron hoxe medios estatais.

A proposta foi admitida o 20 de febreiro cos votos favorábeis de Junts e a Candidatura d’Unitat Popular (CUP), e coa abstención de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), e xa fora cuestionada polo equipo xurídico do lexislativo catalán.

O Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC-PSOE), que votara en contra na Mesa, xa presentou un recurso de inconstitucionalidade, mais a apelación do Executivo español implica a suspensión automática da disposición.

Ademais, Esther Peña, voceira do PSOE, rexeitou de forma “rotunda” que a forza estatal estea a negociar un referendo de autodeterminación en Catalunya, así como “rupturas” ou “divisións”, despois de que o revelara Marta Rovira, secretaria xeral de ERC.

Comentarios