Xustiza

Como afecta a Lei de amnistía a Puigdemont e o 'procés'? Estas son as chaves dos informes que xa estuda o Supremo

A Avogacía do Estado, os fiscais do caso e o propio ex president catalán piden que se aplique, mentres o ultradereitista Vox e Societat Civil Catalana, que figuran na causa como acusacións populares, manteñen a súa oposición. Os maxistrados teñen a última palabra e deberán resolver como aplican a lei: se os feitos que se atribúen aos procesados están ou non amparados pola norma e que pasa coas ordes de detención emitidas.

O ex president catalán e líder de Junts, Carles Puigdemont. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
photo_camera O ex president catalán e líder de Junts, Carles Puigdemont. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)

O Tribunal Supremo estuda xa os informes de acusacións —Fiscalía, Avogacía do Estado e o partido ultradereitista Vox— e defensas para fixar como afecta a Lei de amnistía ao ex president catalán Carles Puigdemont e o resto de procesados e condenados na causa do procés. Fontes xurídicas citadas pola axencia Europa Press sinalan que o instrutor desa causa, o xuíz Pablo Llarena, e os maxistrados da Sala do Penal que a xulgaron analizan as alegacións das partes e o contido da lei para determinar se é aplicábel ou non aos líderes independentistas procesados no Supremo.

A instrutora da peza relativa a Tsunami Democràtic, a maxistrada Susana Polo, aínda ten pendente recibir escritos de varias das partes, tendo en conta que deu un prazo de dez días para a presentación de informes, fronte aos cinco días que fixaron Llarena e o tribunal do procés. No caso de Puigdemont, ademais, ampliou o prazo a pedimento do seu letrado porque non estaba aínda involucrado no procedemento.

Llarena e os maxistrados do procés examinan, na súa maioría, informes favorábeis á aplicación da norma: a Fiscalía, a Avogacía do Estado e as defensas pediron que se amnistíe a desobediencia e a malversación a Puigdemont e ao resto de persoas procesadas, ao entender que os feitos que se lles atribúen están amparados pola lei. Tamén solicitan que se desactiven as ordes estatais de busca e captura que pesan sobre eles.

O Supremo conta, con todo, cos informes en contra de Vox —que exerce a acusación popular na causa do procés e na de Tsunami— e de Societat Civil Catalana —que figura como acusación popular na causa instruída por Polo—. Ambas as organizacións defenderon que houbo "enriquecemento" por parte dos procesados e que, polo tanto, non se lles pode perdoar a malversación. Tampouco ven viábel amnistiar o cargo de terrorismo.

Con todo, os maxistrados teñen a última palabra e deberán resolver como aplican a lei: se os feitos que se atribúen aos procesados están ou non amparados pola norma e que pasa coas ordes estatais de detención. En caso de dúbidas sobre o encaixe da norma no Dereito da Unión poderán consultar o Tribunal de Xustiza da Unión Europea; e se as dúbidas son sobre a legalidade do texto, poderán expor unha cuestión de inconstitucionalidade ante o Tribunal Constitucional.

Fiscalía, Avogacía e defensas

No seu informe, os fiscais defenden que a malversación do procés é amnistiábel porque non consta ningún enriquecemento persoal por parte dos procesados e porque os feitos probados "non conteñen ningunha alusión ou referencia a que se producín unha afectación directa ou indirecta aos intereses financeiros da Unión Europea". Para o Ministerio Público, non amnistiar Puigdemont, os ex conselleiros procesados en rebeldía Toni Comín e Lluís Puig e a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, "deixaría practicamente baleiro de contido o disposto" na norma.

Sobre o caso dos condenados polo procés —o ex vicepresidente do Govern Oriol Junqueras e os ex conselleiros Raül Romeva, Jordi Turull e Dolors Bassa—, a Fiscalía tamén avoga por amnistialos, pero lembra que "o feito de que os delitos cometidos sexan amnistiados por decisión do lexislador español non permite pór en dúbida a lexitimidade das condenas ou a dos xuíces e tribunais que as ditaron".

Na mesma liña, a Avogacía do Estado argumenta que se debe aplicar a amnistía a todos eles porque "a totalidade dos feitos" encaixan nos actos recolleitos pola lei. Non ve nin enriquecemento persoal nin afectación aos intereses financeiros da UE. Para os servizos xurídicos da Administración, "a lei de amnistía si resulta aplicábel aos feitos" atribuídos aos procesados, tanto polo delito de malversación como polo de desobediencia, porque "cumpren coas finalidades expresas que xustifican" a aplicación do texto legal.

Á marxe, a Fiscalía presentou tamén o seu informe sobre a peza de Tsunami Democràtic, na que se investiga a presunta participación de Puigdemont e do deputado de ERC no Parlament Ruben Wagensberg nos disturbios achacados á plataforma independentista durante as protestas de outubro de 2019 en resposta á sentenza do procés. Pide que se lles amnistíe o delito de terrorismo.

Pola súa parte, a defensa de Puigdemont entregou un informe ao Supremo no que asegura que "unha lectura desapaixonada" da lei de amnistía "permite manifestamente a súa aplicación aos feitos [...] cualificados como delito de malversación de fondos públicos" no auto polo que se lle procesou.

O seu avogado, o letrado Gonzalo Boye, tamén reclama "o levantamento das medidas cautelares" que lle afectan, referíndose especificamente á orde de busca e captura e ingreso en prisión que pesa sobre el e que foi acordada en xaneiro de 2023. Para o letrado, "non cabe dúbida ningunha a respecto de que os presuntos actos atribuídos ás persoas ilegalmente procesadas na presente causa penal, cualificados de delito de malversación de fondos públicos, de existir, fórono coa intención de promover ou procurar a celebración do referendo" do 1 de outubro de 2017.

Vox e SCC

Pola contra, Vox defende que a lei de amnistía non é aplicábel aos procesados e procesadas para o delito de malversación porque considera que se enriqueceron ao "custear o referendo ilegal con fondos públicos". A formación de extrema dereita sinala, ademais, que non se pode aplicar a norma porque confronta coa Directiva europea de loita contra a fraude. "Á luz da normativa europea [...] o delito de malversación configúrase como aqueles que, xunto co branqueo de capitais, e suborno activo e pasivo afectan a intereses financeiros da Unión", resalta.

Estes motivos, a xuízo de Vox, son suficientes para que o Supremo decida non aplicar a amnistía a esa causa, pero engade que en todo caso, subsidiariamente, propón a formulación dunha cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea e "a suspensión do proceso até a súa decisión, con excepción das medidas de busca e captura xa adoptadas", en alusión indirecta á orde de detención vixente contra Puigdemont.

E Societat Civil Catalana pide tamén ao Supremo que consulte o TXUE —a través dunha cuestión prexudicial— sobre a aplicación da Lei de amnistía nas causas por malversación e terrorismo que afectan líderes do procés. Neste sentido, solicita que se suspendan os procedementos até obter respostas.

Tribunal de Contas e Audiencia Nacional

No Tribunal de Contas e na Audiencia Nacional tamén teñen pendente pronunciarse sobre a Lei de amnistía, dado que teñen causas abertas relativas ao proceso independentista catalán que poderían verse afectadas polo texto legal. O órgano fiscalizador ha pedido ás acusacións —Fiscalía e SC— e as defensas dos 35 procesados se vían pertinente que consultase o TXUE sobre a norma.

Na Audiencia Nacional, o xuíz instrutor da causa de Tsunami Democràtic, a peza relativa aos procesados que non están aforados ante o Supremo, pediu informe ás partes sobre a aplicabilidade ou non da amnistía. Josep Lluís Alay, 'man dereita' de Puigdemont, pide que se lle aplique a amnistía. A Fiscalía da Audiencia Nacional móstrase a favor de amparalo tanto a el como ao resto de investigados.

Comentarios