[VÍDEO] Felipe VI participa nunha campaña publicitaria da multinacional Telefónica Movistar

O vídeo promocional do centenario da compañía, protagonizado polo seu presidente José María Álvarez-Pallete conta coa presenza ex profeso do monarca español.

felipe borbón telefónica
photo_camera Álvarez-Pallete e FelipeVI nun momento da gravación

Telefónica é desde hai moitos anos unha empresa privada. A súa privatización total tivo lugar mediante dúas ofertas públicas de accións en 1995 -Goberno de Felipe González- e 1999 -Goberno de José María Aznar.

A multinacional con sede central en Madrid e con presenza en ducias de estados quixo celebrar o seu centenario con diversos actos e actividades.

Entre os actos conmemorativos está a elaboración e publicación dun vídeo promocional de máis de 3 minutos onde o protagonismo recae no presidente da multinacional, José María Álvarez-Pallete, mais non só nel. Ao final do vídeo aparece o rei español, Felipe VI, nunhas imaxes gravadas ex profeso para este traballo.

A propia multinacional gábase en redes sociais da participación do Borbón no vídeo homenaxe. “Telefónica FAI hoxe 100 anos. Un século de vida ao servizo do progreso de todo un país. Moitas cousas cambiaron tras a icónica imaxe de Don Alfonso XIII inaugurando o noso edificio de Gran Vía. Pero outras seguen igual: o apoio de Casa de SM El Rey nos nosos momentos máis importantes. Unha honra contar con Don Felipe na celebración”.

O vídeo da campaña é un repaso a eses cen anos da empresa e repasa a historia da operadora desde a súa fundación en 1924, ao revivir o momento no que Alfonso XIII inaugurou a sede da compañía en Madrid.

Telefónica é unha empresa multinacional española de telecomunicacións, con sede central en Madrid. É a cuarta compañía de telecomunicacións máis importante de Europa e a décimo terceira a nivel mundial.

Comentarios