A Cámara madrileña debateu a proposición non de lei apresentada polos tres partidos e contou nas votacións cos votos contrarios de PSOE, Más Madrid e Unidas Podemos-Esquerda Unida.
Da mesma maneira, a PNL insta á Unión Europea a «inscribir os CDR na lista de organizacións criminais e terroristas».
«De inmediato» solicitan que se suspenda «calquera pago e no seu caso revogar e ordenar o reintegro de todo tipo de subvencións ou axudas públicas que puidesen estar a percibir de calquera organismo público autonómico, os denominados CDR ou calquera outra asociación ou organización que teña relación directa ou indirecta coa mesma».
Catalunya como escusa
Durante o debate na Asemblea o deputado de Vox José Ignacio Arias xustificou a presentación desta iniciativa debido as «imaxes e testemuños que desde hai máis de dous anos están a producirse en Catalunya».
O parlamentario ultraespañolista acusou o president da Generalitat de ter un plan para «atrincheirarse» no Parlament após proclamar a República de Catalunya.
Vox xa ameazara con ilegalizar o PNV, mais PP e C’s aínda non se atreveran a demandalo nun órgano institucional.