'Las Astutas', o topónimo inexistente creado por un tradutor automático e que a Xunta usa nas súas notas de prensa

O lugar non existe. Existe As Raposeiras, en Vilasantar, que era o lugar ao que a Consellaría de Mobilidade quería referirse.

astutas
photo_camera Nota de prensa da Xunta da Galiza pasada polo tradutor automático.

Hai deturpacións e deturpacións. La Coruña ou Ourense son xa uns clásicos, todos e todas atopámolos algunha vez. Hainos que renxen aos oídos, como pode ser Ginzo, Puebla ou Vivero. E hai, superior a todos eles, a deturpación superlativa, na que xa non é que se deturpe o nome do lugar, senón que simplemente se traduce literalmente polo seu equivalente español.

Isto é o que vén de facer a Xunta da Galiza, a Administración que en teoría máis debería de velar pola lingua e polo respecto á toponimia propia do país.

Nunha nota de prensa oficial para informar dun convenio entre a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Vilasantar, nomeábase un lugar, na nota en español, inencontrábel por moito que un deixase as pestanas procurando no mapa ou ben que preguntase á veciñanza: Las Astutas.

“Se reurbanizará esta travesía urbana en el entorno de la Casa del Ayuntamiento, en el núcleo principal del municipio, en las Astutas, mejorando el estado del firme en ese punto”, afirmábase textualmente na nota oficial emitida polo departamento que dirixe Ethel Vázquez.

‘Las Astutas’. Inexistentes en guías de topónimos, mapas da Galiza, de Vilasantar e da comarca das Mariñas ou onde quer que se buscase. Non aparecía. E non aparece simplemente porque non existe.

‘Las Astutas’ é a tradución literal que un tradutor automático fai do topónimo que si existe en Vilasantar: As Raposeiras. De feito, a nota oficial da Consellaría en galego si que respecta a toponimia: “Reurbanizarase esta travesía urbana na contorna da Casa do Concello, no núcleo principal do municipio, nas Raposeiras, mellorando o estado do firme nese punto”

As Raposeiras, na parroquia de Vilasantar, no Concello do mesmo nome e na comarca das Mariñas. Porque na Galiza hai tres lugares con ese nome. Ademais do de Vilasantar, haino en Rairiz de Veiga e na Caniza.

Comentarios