Camilo Nogueira e o fiscal Carlos Varela, "insignes" irmandiños xurídicos polo impulso e uso da lingua galega no ámbito da Xustiza

A homenaxe decorreu coincidindo co corenta aniversario da Lei de Normalización Lingüística, en cuxo impulso tivo un papel fundamental Nogueira.

Camilo Nogueira e Carlos Varela, homenaxeados este sábado en Fonseca. (Foto: Europa Press)
photo_camera Camilo Nogueira e Carlos Varela, homenaxeados este sábado en Fonseca. (Foto: Europa Press)

O Salón Nobre de Fonseca acolleu este sábado 10 de xuño a celebración da XIV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega, que distinguiu con cadansúa insignia de honra o político nacionalista Camilo Nogueira e ao xurista Carlos Varela, fiscal da Fiscalía Superior da Galiza, polo impulso da Lei de Normalización Lingüística (que fai 40 anos) e pola súa expansión no ámbito da Xustiza, respectivamente.

O acto celebrouse baixo a presidencia do titular do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices, e a clausura correu a cargo do reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, por expresa petición do xefe do Lexislativo, como así destacou o catedrático de Dereito no peche do acto.

Previamente, fíxose entrega das acreditacións dos novos 'irmandiños' da entidade, que se comprometen a usar a lingua propia neste campo, e distinguiuse a Camilo Nogueira e a Carlos Varela, presentados, respectivamente, por Xoaquín Monteagudo e o maxistrado Luís Villares.

Camilo Nogueira repasou a relevancia que tivo para a lingua propia a presentación do primeiro texto lexislativo que foi aprobado por unanimidade da Cámara. "Era prioritaria a protección", dixo, para "ser recoñecida como tal" despois de "soportar dificultades" como consecuencia da "persecución das autoridades políticas e eclesiásticas".

"Obrigado"

Nogueira proclamou que é un idioma que "se fala por moitos países" en Europa, pero tamén no resto do mundo e citou  Portugal, Mozambique, Guinea Bissau, India, Timor Oriental e China, nun discurso de quen, como eurodeputado do BNG, fechaba os seus discursos cun "obrigado".

Facho que este sábado recolleu Carlos Varela, quen así concluíu tamén a súa intervención na asemblea xurídica, na que agradeceu o galardón e rememorou os seus primeiros contactos coa música portuguesa como orixe da querenza polo idioma propio. "Permitinme exercer en galego, ser coherente coa miña forma de pensar. Obrigado", concluíu o que fora tamén fiscal superior da Galiza en períodos como o das preferentes, un papel, o que tivo entón, que foi destacado por Luís Villares na presentación do homenaxeado.

"Seguir avanzando"

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, subliñou que temos "unha lei moi válida" para "seguir camiñando e avanzando" para, parafraseando a Cunqueiro, darlle ao idioma "mil primaveras máis", tamén no ámbito xurídico.

Mentres, o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, destacou como os lexisladores daquela cámara "estiveron á altura do que demandaba a Galiza no seu momento" e sinalou que é "xusto recoñecer" este feito. "Avanzouse moito pero queda moito por facer e por iso felicito con todo o meu ánimo a que actos como este se sigan a celebrar, porque é a maneira de que nos vaiamos implicando na importancia da lingua", remarcou.

O reitor da USC, Antonio López, remarcou que "a lei abriu un camiño" e "logo hai que transitar por el". "Tan importante como as normas, é moito máis importante o compromiso persoal para ir avanzando e ir gañando espazo", sentenciou.

Comentarios