A Caniza ou A Cañiza? Os Brancos ou Os Blancos? Eis a forma correcta de dicilo en galego

Cal é a forma correcta de referírmonos en galego a estes dous topónimos? Explicámoscho aquí.
Entrada á vila da Caniza (Foto: Google Maps).
photo_camera Entrada á vila da Caniza (Foto: Google Maps).

O artigo 10 da Lei 3/1983 sobre o uso oficial do galego estabelece o seguinte:

1. Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.

2. Corresponde á Xunta da Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos da Galiza. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente.

3. Estas denominacións son as legais para todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta da Galiza regulamentará a normalización da rotulación pública respectando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado.

O certo é que a toponimia oficial da Galiza está vixiada por autoridades toponímicas científicas e independentes –como a Comisión de Toponimia– que constitúen o órgano asesor da Xunta da Galiza dos nomes oficiais de poboación. Porén, quedan aínda algúns sen galeguizar entre os que destacamos o concello da Caniza e Os Brancos.

Por unha parte, o topónimo Os Blancos, segundo o investigador Fernando Cabeza Quiles, fai referencia á familia apelidada Blanco ou aos seus descendentes, como así o fan outros topónimos: Os Dices, no concello de Rois, referido a un grupo familiar apelidado Diz; Os Vilas, Os Garcías, Os Fernández, Os Baltares, Os Pérez, Os Tatos -lugar do concello da Estrada onde abunda ese apelido- Os Canedos, Os Martices…Estes topónimos en castelán serían Los Dices, Los Fernández, Los Pérez, Los Martínez… e, no topónimo a analizar, Los Blancos. Porén, o estudoso Cabeza Quiles afirma que, como a forma do adxectivo castelán “blanco” en galego é “branco”, o topónimo debería de ser Os Brancos.

Por outra parte, o topónimo A Cañiza fai referencia ás primeiras construcións na zona: as canizas ou canizos, palabra aínda vixente entre algúns dos habitantes do concello que se refire ás casetas ou canastros feitos de canas entrelazadas. Por isto mesmo, a Comisión de Toponimia da Xunta da Galiza estabeleceu que o nome correcto e orixinal era A Caniza, segundo o investigador Navaza. Porén, aínda que foi aprobada na comisión, aínda non se executou esta modificación por parte do Consello da Xunta. Se isto ocorrese, o seu xentilicio tamén cambiaría e a súa forma galeguizada sería canizán ou canicense.

O profesor Henrique Costas comentaba nunha publicación de ‘Orgullo Galego’ en maio de 2022 que “a comisión de toponimia da Xunta ditaminou A Caniza como forma oficial, pero o seu alcalde, daquela presidente da Deputación, dixera que “por enriba do meu cadáver” e o PP non moveu un peleiro”.

O investigador Fernando Cabeza Quiles concorda con Gonzalo Navaza e explica que “o topónimo A Caniza refírese a unha caniza, ou tecido de canas, ou varas, usado antigamente para pechar leiras, para resgardalas do vento…”. Non obstante, respecto do seu significado, “non podemos descartar que o topónimo pontevedrés A Caniza (non A Cañiza) se refira a unha caseta ou pequena choza de uso agrícola feita con varas ou mesmo a un hórreo feito con ese material entrelazado, o mesmo que O Canizo”. Cabeza Quiles pensa que non dan corrixido e instaurado A Caniza porque teñen medo á contestación que encontren por parte da xente do concello, incluída a corporación municipal.

A académica Ana Boullón Agrelo admite non saber o caso dos Blancos/Brancos pero si defende a galeguización do topónimo A Caniza que o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou no 2003, cumplindo este ano 20 anos sen aprobación por parte da Xunta. A profesora sinala tamén outro castelanismos consolidado no NG, no Nomenclátor da Galiza, no que se recollen todos os macrotopónimos da Galiza (lugares habitados como concellos e parroquias).

Trátase do topónimo Manzaneda que, segundo Gonzalo Navaza, é un  castelanismo que se consolidou a partir do s. XVIII e apunta o investigador que un dos factores que puido favorecer o seu uso, foi a vontade de distinguir as poboacións de Maceda de Limia, denominada actual e oficialmente Maceda, e Maceda de Trives, actual e oficialmente Manzaneda (Navaza_Fitotop: 344).

Comentarios