Día Internacional da Dobraxe

Case 90% do traballo de dobraxe que se realiza na Galiza faise en castelán

Máis dun cento de actores e actrices de dobraxe sosteñen o sector na Galiza. Non están soas; profesionais técnicos e de produción, tradutoras e axustadores, persoal de administración e de limpeza fan parte dun traballo artístico que reclama máis contidos en galego e mellores condicións salariais.
Desiré Pillado durante unha locución nun estudio de dobnraxe. (Foto: LucasTerceiro).
photo_camera Desiré Pillado durante unha locución nun estudio de dobnraxe. (Foto: LucasTerceiro).

Profesionais do sector da dobraxe conmemoran esta cuarta feira, 12 de xuño, o seu día internacional. Na Galiza fano desde unha situación "insostíbel e ilegal", xa que desde hai 18 anos "estamos a cobrar por baixo do que estabelece a lei".

Desiré Pillado, presidenta da asociación Artistas da Dobraxe Asociados (ADA) asegura que chegou o momento de dar a cara de forma "inequívoca e decidida" por un sector que na Galiza conta con 40 anos de tradición e "unha moi boa infraestrutura". "Contamos con grandísimos profesionais en todos os campos: produción, montaxe, dirección, interpretación. Temos un valor que urxe recoñecer pero cando os empresarios do sector fan o contrario, dignificar este oficio, como queremos, é moi difícil".

Desde mediados dos anos 80 actores e actrices de dobraxe da Galiza poñen voz a obras concibidas noutros e idiomas e culturas. Acompañan a experiencia actoral previa dos intérpretes que se puxeron ante as cámaras. "Pero detrás da dobraxe tamén hai un traballo artístico e creativo que vai máis aló de pór palabras noutra lingua en boca dun boneco que está na pantalla. Intentamos estar nos ollos desa actriz ou actor e imitar o que quere transmitir, e isto creo que é o máis difícil do noso oficio, máis que a sincronía".

As artistas creadoras de dobraxe precisan de ferramentas para actuar e encher a súa voz de contido. E necesitan doutros perfís profesionais sen os que a dobraxe non sería unha experiencia completa. A obra orixinal chega para ser traducida. A continuación pasa polas mans dun axustador, que adecúa o texto a unha medida taxada, onde as frases finais e a prosodia contribuirán ao éxito da dobraxe. Este traballo previo culmina no estudio. Persoal de dirección, artistas e técnicos de son gravan a obra para enviala a revisión e montaxe. O último repaso será o do cliente final, que antes da estrea aínda pode pedir algún novo axuste.

Detrás da dobraxe tamén hai un traballo artístico e creativo que vai máis aló de pór palabras noutra lingua en boca dun boneco que está na pantalla

Series, películas, audiolibros, publicidade e "voice-over", a dobraxe de documentais que mantén de fondo a voz orixinal, no seu idioma, son os traballos habituais, mais non en galego, ou non tanto como reclaman as artistas. "Apenas chega nada. Se cabe, comeza a entrar algo máis porque hai plataformas como Netflix que quere que os seus produtos estean en todas as linguas oficiais do Estado, pero case 90% do total que se está a facer na Galiza é en castelán. É a forma que temos para sobrevivir". O orzamento da Xunta da Galiza destinado á dobraxe segue a ser escaso e a TVG "non reparte nada" tampouco para o sector.

Salario actualizado 

Desiré Pillado describe un sector "moi complexo" no que é difícil saber "cando te van chamar para traballar". É algo que aceptan, "porque amamos o noso traballo", admite a actriz, "pero unha cousa é vivir dun oficio precario, como é calquera dos que ten que ver coa arte e outra é vivir na precaridade porque os empresarios non queren cambiar unha situación que xa é insultante".

O convenio de referencia para o sector da dobraxe é de 2002. "En 2006 fíxose unha revisión das táboas salariais que non se cumpriu nunca" e que mantén o colectivo dentro da "ilegalidade", cobrando un 28% menos do que lle correspondería nas dobraxes en galego e 46% menos nas dobraxes en castelán.

Pillado coma o resto de artistas, cobra por convocatoria e take, cada un dos fragmentos de 30 ou 45 segundos que lle corresponden como actriz, dentro da obra coa que traballan. "A convocatoria que deberiamos cobrar a 36 euros, no mellor dos casos págannola a 26, e por cada take, de 3,5 ou 3,8 euros, recibimos pouco máis de 2".

En 2006 fíxose unha revisión das táboas salariais que non se cumpriu nunca

Tras presentar as súas demandas ao empresariado da dobraxe, responsábel dos estudios que negocian coas distribuidoras de audiovisual, e non recibir resposta, ADA abriu un período de negociación acompañada dos sindicatos CIG, CCOO e UXT que deu paso a outro de mediación e finalmente á ruptura de diálogo.

"Batemos cunha patronal moi negativa, altiva e pouco colaboradora, que xoga co medo, ameazándonos con mandar o traballo para Valencia, onde pagan aínda menos". "Non podemos cobrar un salario de hai 20 anos nin deixar que as empresas traballen á baixa e se enriquezan a costa dos nosos soldos", afirma Desiré Pillado, que mantén a loita aberta.

Comentarios