"Os nosos lugares, na nosa lingua": a campaña da Mesa en defensa da toponimia galega

A plataforma convoca unha concentración no Obelisco da Coruña para esta sexta feira, 30 de xuño.

Valado publicitario instalado pola asociación ultraespañolista Hablamos Español en Ourense. (Foto: A Mesa)
photo_camera Valado publicitario instalado pola asociación ultraespañolista Hablamos Español en Ourense. (Foto: A Mesa)

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de lanzar unha campaña virtual de recadación de apoios en defensa da toponimia galega. A iniciativa xorde logo de que a asociación ultraespañolista Hablamos Español, presidida por Gloria Lago, coñecida no país por ser a cabeza visíbel de Galicia Bilingüe, instalara en diferentes vilas e cidades da Galiza carteis publicitarios deturpando os seus topónimos.

Ao polémico valado que a presión social conseguiu retirar esta terza feira en Sanxenxo, sumábanse esta cuarta feira carteis semellantes na Coruña e en Ourense, nos que se podían ler "Bienvenidos a La Coruña, ciudad que en gallego se llama A Coruña".

“De novo veñen de fóra dicirnos como temos que falar e nomear as nosas cidades, vilas, parroquias e lugares e que non é válida a forma lexítima e auténtica que o pobo galego deu a todos os espazos do seu territorio, como parte indisociábel da súa historia, da súa cultura e da súa lingua propia”, sinalan desde a Mesa.

Atacar e ocultar a nosa toponimia é, segundo a plataforma en defensa da lingua propia da Galiza, facelo tamén “coa nosa dignidade colectiva e a capacidade de dicirlle ao mundo quen somos e onde estamos”.

Estes ataques á toponimia do país fanse a pesar de que a Lei de Normalización Lingüística fai 40 anos e a acción colectiva a favor da lingua conseguiu que o seu artigo 10 estabelecese que “a única forma oficial dos topónimos é a galega”.

Responsabilidade administrativa

Para a Mesa, a de Hablamos Español non é unha campaña coa que pretenden eliminar a toponimia propia do país, é tamén “o silencio dos poderes públicos perante o uso reiterado e sistemático das formas deturpadas na sinaléctica, medios de comunicación ou mesmo mapas dixitais como os de Google”.

A campaña da Mesa pola Normalización Lingüística busca que Xunta de Galiza, do Goberno español e dos concellos afectados que tomen todas as accións necesarias para: “garantir o cumprimento da legalidade na toponimia, instar as compañías de xeolocalización a que empreguen as formas correctas e oficiais dos nomes de lugar e manifestarse contra as campañas de odio á lingua galega e á denominación do seu territorio”.

Mobilización social

Após a colocación do valado da Coruña por parte da asociación ultraespañolista Hablamos Español, un día despois de facer o mesmo en Sanxenxo, A Mesa pola Normalización Lingüística convocou unha concentración, no Obelisco da Coruña, para esta sexta feira, 30 de xuño, ás 12 horas.

Comentarios