A toponimia oficial e lexítima, en galego: "Así a queremos!"

A única forma oficial dos topónimos da Galiza é a galega. Así o recolle a Lei de Normalización Lingüística, que vén de facer 40 anos, e así o reivindicou esta sexta feira ao pé do Obelisco, na Coruña, A Mesa pola Normalización Lingüística nunha concentración de repulsa pola campaña de odio contra a toponimia galega orquestrada esta semana pola asociación ultraespañolista Hablamos Español.
Ducias de persoas rexeitaron na Coruña os ataques á lingua de Hablamos Español na Galiza. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ducias de persoas rexeitaron na Coruña os ataques á lingua de Hablamos Español na Galiza. (Foto: Nós Diario).

"A Coruña. Así a queremos!". Na lingua propia, na única forma oficial e lexítima que coñecen os nomes de lugar da Galiza, dentro e fóra do territorio galego, malia a campaña de "agresión, desprestixio, humillación" que veñen de  rexistrar máis unha vez a lingua e a toponimia galegas.

"Con esta demostración pública queremos amosar o amplísimo apoio que ten a toponimia galega, a auténtica, a lexítima, a única que é oficial; mais tamén o elevado nivel de rexeitamento do pobo galego a que lle digan como ten que falar e como lle ten que chamar aos seus lugares", afirmou o presidente da Mesa, Marcos Maceiras, en declaracións a Nós Diario.

Ducias de persoas concentráronse contra o mediodía no Obelisco da Coruña para reivindicar a denominación galega das nosas cidades, vilas, parroquias, leiras e camiños e aplaudir tamén "a resposta máis que merecida" que A Coruña lle deu á asociación ultraespañolista Hablamos Español corrixindo o uso deturpado do topónimo da cidade no valo instalado no cruzamento da avenida de Monelos coa avenida Alcalde Pérez Ardá esta semana: "Benvidos á Coruña, ciudad que en español se llama A Coruña", di agora a lenda retocada.

Imos defender sempre a toponimia galega diante de calquera agresión, veña de onde veña 

"A toponimia é a pegada que deixou o pobo galego sobre o territorio, da súa historia, da súa cultura, da súa lingua; da súa maneira de vivir e de falar", recalcou Maceira, quen sitúa na orixe de campañas como a despregada esta semana en Sanxenxo, Ourense e A Coruña "un intento por apagarnos como pobo, eliminar calquera rastro da nosa presenza no noso territorio, até borrar a propia existencia do pobo galego".

Esta provocación é a que explica "a reacción social enorme, aquí no Obelisco, nas redes sociais, asinado a campaña 'Os nosos lugares, na nosa lingua' –con máis de 7.000 apoios en dous días– e tamén nas cidades aludidas, cunha reacción inmediata da veciñanza para retirar e corrixir eses valos que son un insulto, unha humillación pública".

Agresións recorrentes

Marcos Maceira asegura que desde a Mesa seguirán a defender a toponimia galega de cada "agresión". O máis preocupante, mantén, é que se repiten de forma habitual. "É preocupante que siga habendo medios de comunicación, mesmo públicos como TVE, que afean a toponimia e xustifican esta deturpación. E fano sistematicamente sen que nin o Goberno galego nin o estatal digan nada para facer cumprir a lei".

E tamén o é, engade, que o Instituto Xeográfico Nacional non abrise aínda a boca para reprender "Google polo uso de mapas que deturpan os nomes galegos até límites descoñecidos".

A única forma de reverter esta situación é coa resposta social, conclúe Maceira. "Nós imos defender sempre a toponimia galega diante de calquera agresión, como fixemos xa este ano co ría de Ribadeo. E ímolo facer veña de onde veña e de quen veña o ataque".

Comentarios