VÍDEO | Xa é oficial: Levántase o veto ao galego no Congreso español

Desde o BNG, Néstor Rego aproveitou a súa intervención para exixir ao Goberno estatal que rectifique na UE e defenda en igualdade de condicións a oficialidade do galego, catalán e euskera, sen priorizar a lingua propia dos Països Catalans.
Votación esta quinta feira que aproba o uso do galego no Congreso (foto: Congreso).
photo_camera Votación esta quinta feira que aproba o uso do galego no Congreso (foto: Congreso).

O Pleno do Congreso aprobou esta quinta feira a reforma do seu Regulamento que regulariza o uso das linguas oficiais tanto nos debates como nas iniciativas parlamentarias e fíxoo co voto en contra do PP, Vox e UPN. O resto do hemiciclo apoiou o texto, que saíu adiante con 180 votos, catro por encima da maioría absoluta que requiría.

Ademais dos grupos propoñentes -PSOE, Sumar, BNG, ERC, Bildu e PNV- apoiárona Junts e Coalición Canaria. Tamén votou a favor unha deputada do PP, Rosa Quintana Carballo, electa por Ourense, no seu caso por erro. Non houbo abstencións.

O uso das linguas oficiais foi unha das condicións que puxeron ERC e Junts para apoiar a elección de Francina Armengol como presidenta do Congreso e asegurar así unha maioría progresista na Mesa do Congreso. Nada máis ser elixida, a propia presidenta anunciou que o catalán, o galego e o euskera poderían falarse desde ese momento na Cámara, e de feito estreáronse nas sesións plenarias dedicadas a esta reforma regulamentaria.

Trátase da primeira iniciativa aprobada nesta XV Lexislatura e seguiu unha tramitación express. Cualificouse hai unha semana, tomouse en consideración a pasada terza feira e agora quedou definitivamente aprobada tras rexeitarse as emendas á totalidade de PP e Vox e a única parcial, asinada polo PNV. Todo se fixo dunha tacada no Pleno, sen pasar pola Comisión de Regulamento, que aínda non se constituíu.

As linguas que son oficiais nos seus respectivos territorios son traducidas polos intérpretes, pero os deputados que usen aquelas que non teñen oficialidade pero si gozan de especial recoñecemento ou protección -como o aragonés ou o asturiano- deben autotraducirse.

O PSOE cambia de opinión

Aínda que hai un ano o PSOE rexeitou tramitar outra iniciativa para o uso de linguas oficiais no Congreso, no debate desta quinta o deputado do PSC Marc Lamuá insistiu en que esta reforma é "máis necesaria que nunca" porque a dereita converteu as linguas do Estado nunha ferramenta de confrontación" e "ruído". "Uns, por intolerancia, e os demais, por victimizarse", apuntou. Por contra, dixo, o PSOE está a actuar con "responsabilidade".

Lamuá discrepa de que a aplicación da reforma implique "malgasto" e preguntouse se non o é o "chiringuito" en favor do español que a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, montou para Toni Cantó.

Polo PP volveu intervir Borja Sémper, quen, ao contrario do que fixo a pasada terza, esta quinta só utilizou o euskera para dar os bos días, e xustificou a emenda de totalidade do seu grupo asegurando que está baseada nunha "lóxica elemental" que consiste en que quen ten unha lingua común utilízana para entenderse.

Postura do BNG

Desde o BNG, Néstor Rego aproveitou a súa intervención para exixir ao Goberno estatal que rectifique na UE e defenda en igualdade de condicións a oficialidade do galego, catalán e euskera, sen priorizar a lingua propia dos Països Catalans.

"Os galegos e as galegas non somos máis que ninguén, pero tampouco menos. Non podemos aceptar semellante discriminación", avisou, tras cargar contra Sémper por soster que a el ninguén lle vai a dicir en que lingua ten que falar pero o PP si lle di aos demais que lingua deben utilizar na Cámara.

O euskera en Nafarroa

A deputada de Bildu Bel Pozueta dedicou a súa intervención para denunciar a discriminación dos euskaldúns en Nafarroa e as "políticas públicas contra o euskera" que achaca tanto a UPN como ao PSN. "Nafarroa é cada vez máis euskaldún e será máis", dixo, reclamando a necesidade de abrir un novo ciclo en Nafarroa en materia lingüística.

A deputada de Junts Pilar Calvo, nunha alocución integramente en catalán, presumiu de que a súa formación foi imprescindíbel para facer realidade esta reforma do Regulamento á que, insistiu, o PSOE accedeu non por convicción, senón por necesidade.

Tamén falou unicamente en catalán Montserrat Bassa, de ERC, quen igualmente reivindicou a loita da súa formación en favor do catalán no Congreso e as institucións europeas, congratulouse de que tamén se recoñeza xa o occitano e sinalou que a súa e o valenciano "son a mesma lingua". "Por fin acaba a imposición e acaba o noso borrado nesta Cámara", celebrou.

Joseba Aguirretxea, do PNV, limitouse a defender en euskera a emenda presentada pola súa formación para que o Regulamento do Congreso contemple a obrigación de que as leis que se aproben definitivamente na Cámara Baixa se publiquen tanto en castelán como no resto de linguas oficiais e que o fagan en igualdade de condicións, coa mesma validez xurídica. "Queremos que o que se publique nunha lingua teña valor xurídico ante calquera tribunal en calquera momento", detallou.

Comentarios