O Senado aproba definitivamente a Lei de memoria democrática

O proxecto lexislativo saíu adiante con 128 votos a favor e 113 en contra, así como outras 18 abstencións.
PP, Vox e Ciudadanos opuxéronse á lei. (Foto: Senado)
photo_camera PP, Vox e Ciudadanos opuxéronse á lei. (Foto: Senado)

O Pleno do Senado aprobou esta cuarta feira definitivamente o proxecto de Lei de memoria democrática que o Goberno estatal pactou con Bildu, Máis País, PDeCAT e PNV. A Cámara Alta rexeitou os vetos de PP, Vox, Ciudadanos e UPN e non aceptou ningunha das 521 emendas ao texto que viña do Congreso.

A nova lei saíu adiante nunha votación que durou máis dunha hora e á que asistiron asociacións memorialistas, que aplaudiron en pé o resultado da votación, con 128 votos a favor. Pola contra, 113 senadores votaron en contra, e houbo 18 parlamentarios que se abstiveron. A norma entrará en vigor nos próximos días, cando se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Esta lei, que supón unha profundización na Lei de memoria histórica de 2007, foi aprobada en Consello de Ministros hai case un ano e tomada en consideración polo Congreso en outubro de 2021, mais dous meses despois meteuse na 'neveira' ao non ver o Goberno suficientes apoios para sacala adiante, xa que á oposición do PP, Vox e C's sumouse o rexeitamento inicial de ERC.

Foi o pasado mes de xuño cando o proxecto saíu do caixón para reactivar a tramitación, unha vez que PSOE e Unidas Podemos achegaran posturas con outras formacións minoritarias. Así, a Lei de memoria democrática superou a fase de ponencia tras introducirse varias emendas pactadas con diferentes formacións políticas.

Vítimas até 1983

O groso dos acordos alcanzouse con Bildu, empezando por ampliar até 1983, cinco anos despois de aprobada a Constitución española, o recoñecemento de vítimas de violacións dos dereitos humanos e a posíbel reparación económica que iso supuxese.

En concreto, a lei insta o Goberno a crear, no prazo dun ano desde a entrada en vigor, unha comisión técnica que faga un estudo sobre os supostos de vulneración de dereitos humanos a persoas "pola súa loita pola consolidación da democracia, os dereitos fundamentais e os valores democráticos, entre a entrada en vigor da Constitución e o 31 de decembro de 1983". Ese estudo deberá recoller "posíbeis vías de recoñecemento e reparación a ese colectivo".

Aliás, o PSOE e UP acordaron tamén coa coalición aberztale, no seo do Consello da Memoria Democrática, unha comisión estatal independente de carácter académico para "contribuír ao esclarecemento das violacións dos dereitos humanos durante a guerra civil e a ditadura". A súa función será recoller testemuños, información e documentos e aprobar un informe de conclusións e recomendacións para a reparación das vítimas de forma "obxectiva e imparcial".

Desde a Lei de amnistía de 1978, o Estado español destinou máis de 21.000 millóns de euros para reparacións económicas a unhas 608.000 vítimas da guerra e do franquismo, e considérase que o que está pendente son incautacións de bens de entidades como ateneos culturais e o espolio de papel moeda.

Noutro dos acordos previos introduciuse unha emenda para declarar a ilegalidade e ilexitimidade dos tribunais, xurados e calquera outro órgano penal ou administrativo creado a partir do golpe de estado de 1936, para a persecución por motivos políticos ou de conciencia.

Con Máis País, e o PDeCAT, o PSOE e UP fechouse outro acordo que declara "ilegal" o réxime franquista e recoñece expresamente que "as loitas dos movementos sociais antifranquistas e de diferentes actores políticos" alumaron a democracia. Tamén se acordou artellar mecanismos e recursos para avaliar a "represión e persecución" cultural e lingüística do franquismo, declarando vítimas "as comunidades, as linguas e as culturas vasca, catalá e galega".

E co PNV selouse outro pacto para fixar nun ano o prazo para a restitución de documentos ou efectos a persoas naturais ou xurídicas de carácter privado que estean no Arquivo Xeral da Guerra Civil. Poderán beneficiarse tamén partidos, sindicatos ou unidades militares que reclamen insignias, emblemas ou bandeiras que estean en poder de entidades públicas.

Comentarios