A cartografía da represión franquista, da man de Histagra: "A Historia non é algo inamovíbel que está escrito nos libros"

O primeiro Plan Cuadrienal Memoria Democrática concibido polo grupo Histagra para buscar, identificar e exhumar a persoas desaparecidas durante a represión franquista chega ao seu último ano facendo un esforzo de divulgación e socialización do estudado.
Á esquerda, escavación dunha fosa común no cemiterio de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa; á dereita, de arriba a abaixo, traballos de exhumación de fosas en Oza-Cesuras e Crecente. (Fotos: Histagra)
photo_camera Un momento da intervención de Lourenzo Fernández Prieto no IES Rosalía de Castro.

Levar a cabo unha profunda investigación e posta ao día do mapa de fosas da Galiza, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de persoas asasinadas pola violencia franquista. Velaí o obxectivo do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática (2021-2024) concibido polo grupo Histagra (grupo de investigación de Historia Agraria e Política do Mundo Rural), da Universidade de Santiago, para buscar, identificar e exhumar a persoas desaparecidas durante a represión franquista.

Dentro das actividades deste Plan Cuadrienal, onte tivo lugar, no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, unha palestra de presentación do traballo levado a cabo por un equipo formado por historiadores, antropólogos forenses, arqueólogos e xenetistas sobre o pasado de violencia na Galiza, mediante o estudo e a exhumación das fosas de persoas asasinadas pola violencia franquista. Lourenzo Fernández Prieto,  catedrático de Historia Contemporánea pola USC, e director do Proxecto interuniversitario Nomes e Voces, Antonio Míguez Macho, doutor en Historia, e Conchi López Sánchez, doutora en Historia, tiveron ocasión de expoñer ante o alumnado do centro os procedementos e os resultados dun proxecto que chega neste 2024 ao seu cuarto ano. 

"Para nós e moi importante socializar o coñecemento creado a partir deste proxecto", explica Conchi López, en conversa con Nós Diario. "Nese aspecto somos moi ambiciosos e sempre queremos máis, sempre temos a sensación de que debemos mellorar nese aspecto. Por iso lle damos tanta importancia a estes encontros nos centros educativos, non só para explicar os procesos de maneira teórica: sempre que temos ocasión, invitamos o alumnado da contorna das escavacións para que visite in situ os traballos e comprenda que a cuestión da represión está vinculada coa súa contorna, co seu presente. É fundamental que se entenda que a Historia non é algo que está escrito nos libros e que é inamovíbel. O coñecemento histórico prodúcese día a día".

Un momento da intervención de Lourenzo Fernández Prieto  IES Rosalía de Castro.
Un momento da intervención de Lourenzo Fernández Prieto IES Rosalía de Castro.

Neste sentido, a investigadora menciona tamén o traballo feito cos centros socioculturais ou os actos públicos que organizan ao fechar cada expediente, ao rematar cunha escavación e presentar os resultados xunto coas persoas que reclamaron a súa intervención por ter familiares ou achegados que poderían estar enterrados nas fosas intervidas.

"Adoitan ser actos moi emotivos e gratificantes, até o punto de que, co paso do tempo, nos obrigaron a modificar o noso concepto do éxito dunha escavación. O normal ao principio era que asociásemos o éxito a atopar probas que acreditasen o parentesco entre os demandantes e as persoas enterradas. Mais paulatinamente decatámonos de que o verdadeiro éxito é ser quen de atender os requirimentos das persoas que acoden a nó. Mesmo nalgún caso en que non fomos capaces de atopar a persoa desaparecida, o agradecemento que recibimos fíxonos adoptar outra perspectiva sobre a necesidade deste proxecto", declara. 

O proceso de traballo

Durante a presentación, o equipo de historiadores procedeu a detallar como interveñen nas fosas. O inicio das investigacións parte das peticións de familiares ou asociacións para tratar de buscar unha persoa concreta. "Normalmente recibimos máis solicitudes das que podemos xestionar polo que resulta moi difícil efectuar a escolla. Afortunadamente, puidemos ampliar o número de escavacións que atendemos: empezaron sendo dúas ao ano e agora xa atendemos catro anuais".

Unha vez seleccionadas as tumbas, cada unha das catro patas sobre as que anda o proxecto -historiadores, arqueólogos, antropólogos forenses e xenetistas- traballan de forma secuencial, tratando de coñecer a historia das persoas que supostamente acabaron nesas sepulturas e tamén onde se atopan. As fontes empregadas son moi variadas e van dende documentos escritos até entrevistas con testemuñas que viviron nesa época e lembran algúns dos episodios. Recollidas as fontes, analízase a información e elabórase un informe que comparten co resto do equipo no que recollen tanto a historia das persoas como do espazo. A partir de aí, os arqueólogos encárganse de propoñer un determinado enfoque para localizar a fosa.

Ás veces, a tarefa complícase e hai que botar man de rastreadores electromagnéticos que son quen de detectar se nunha determinada parcela de terreo, houbo ou non alteración nas distintas capas do terreo. O que segue é a escavación da zona elixida e, no caso de aparecer restos óseos, a determinación de se eses restos se axustan aos perfís das persoas que buscan. De ser así, o antropólogo forense encárgase de custodialos e analizalos nun laboratorio para pasar despois á última parte na que o protagonismo pertence ás probas xenéticas.

"Mesmo cando non logramos probas non concluíntes que relacionen os restos atopados cos demandantes, o coñecemento adquirido sobre o que ocorreu no lugar xa xustifica iniciar unha investigación", explica López Sánchez. Este primeiro plan cuadrienal, daquela, debe verse como un paso importante que merecería ter unha continuación. "Iso é o que desexamos, poder conseguir os medios necesarios para poder facer un Segundo Plan Cuadrienal e mesmo ampliar a capacidade para lograr atender máis demandas cada ano", remata López Sánchez.

Cara a unha completa cartografía da violencia na Galiza

Conchi López Sánchez destaca que, por primeira vez, a investigación logrou ampliar o seu horizonte até incluír os lugares e os verdugos. "Nomes e Voces, o proxecto que liderou Fernández Prieto, tivo unha enorme importancia, mais daquela non deu tempo a centrarse máis que nas vítimas. Agora, por primeira vez, temos datos que relacionan vítimas, verdugos e lugares, e iso ofrece unha gran cantidade de información que permite outra aproximación histórica. Permítenos avanzar na realización dunha cartografía da violencia que mostre a verdadeira magnitude da represión franquista".

Ademais, as escavacións realizadas levan a pensar que houbo, por parte das autoridades franquistas, un intento de ocultamento de todos aqueles crimes. "Iso atopámolo en varios dos lugares escavados, e sabían o que facían, porque dificultan moito o traballo. Hai unha gran cantidade de fosas enriba das cales se erixiron elementos construtivos moi variados -fontes, cruceiros...- e mesmo onde se enterraron, por riba dos represaliados, outras persoas, malia que non fose un lugar de inhumación habitual".

En canto a se atopan resistencias á hora de iniciar unha investigación, a historiadora destaca que son moito maiores a solidariedade e o agradecemento que atopan que os obstáculos. "De feito, non atopamos resistencias explícitas. Si pode haber algunhas trabas e impedimentos á hora de, por exemplo, consultar algúns documentos, pero nunca son dificultades tan importantes como para impedir que se leve a cabo a investigación".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios