A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) de Marín homenaxeará esta quinta feira, 18 de agosto, Carmen Pesqueira Domínguez, coñecida como A Capirota, cando se cumpren 86 anos da súa violación e asasinato a mans dun grupo de falanxistas.
O acto decorrerá na praza que leva o seu nome, e nel participarán a catedrática de Xornalismo da Universidade Complutense de Madrid e autora de Lola, filla de Cangas, Asún Bernárdez Rodal; a mestra e investigadora da ARMH Ana Acuña Trabazo; e o grupo de folk A Revolta, que realizará unha pequena actuación musical.
"As Asociacións de Memoria levamos anos pedindo que a impunidade dea paso á xustiza, porque o dereito á verdade e á reparación que exixen as vítimas é un deber moral da democracia", explica ARMH nun comunicado.
A Capirota está considerada como unha das referentes da loita obreira contra o réxime ditatorial que instauraron os militares sublevados na Galiza e no resto do Estado español.
A historia de Carmen Pesqueira
Carmen Pesqueira naceu na Mouta, en Marín, o 1 de xullo de 1907. Foi filla de mariñeiros, e traballaba como costureira e lavandeira para poder manter o seu fillo, que criaba como nai solteira.
En agosto de 1936, cando os falanxistas xa tomaran a Galiza, A Capirota saíu na defensa dun home ao que un grupo de sublevados estaban a propinar unha malleira. Entre eles estaba o xefe da Centuria de Zapadores de Falanxe en Marín, Bruno Schweiger, un dos principais represores na comarca.
Era o 18 de agosto. Esa mesma noite, a lavandeira foi secuestrada polos falanxistas e levada ao Pozo da Revolta, na parroquia de Mogor, onde foi violada, golpeada, torturada e finalmente, asasinada con varios disparos.
Ao día seguinte, os mesmos que a fusilaran "pasearon" o seu corpo polas rúas de Marín para que servise de exemplo do que sucedería con aqueles e aquelas que se levantasen contra o franquismo. 86 anos despois, A Capirota converteuse en exemplo, mais da loita contra a inxustiza e a barbarie.