10ª aniversario de Felipe VI: Rueda enxalza a "estabilidade" e Pontón vese "máis republicana que nunca"

O rei e xefe do Estado español Felipe de Borbón roza o suspenso na última enquisa (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera O rei e xefe do Estado español Felipe de Borbón (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

O décimo aniversario da proclamación do rei español Felipe VI xerou reaccións na política galega, onde o presidente da Xunta da Galiza e líder do PP galego, Alfonso Rueda, enxalzou a "estabilidade" achegada polo seu reinado, mentres que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, proclamouse "máis republicana que nunca".

A través das redes sociais, os líderes das dúas forzas políticas con maior presencia na Cámara galega manifestaron as súas opinións sobre a coroa ante a efeméride da década de reinado de Felipe de Borbón tras suceder ao seu pai, Juan Carlos I, despois da súa abdicación.

"Hoxe fanse 10 anos da proclamación de S.M. Felipe VI. O rei demostrou o seu compromiso coa estabilidade do país. Desde Galiza enviamos o noso desexo de seguir facendo da España das Autonomías un lugar de concordia e respecto", escribiu Rueda na súa conta da rede social X.

Pola súa parte, a líder nacionalista Ana Pontón aproveitou a efeméride para reivindicar os seus ideais republicanos. "Dez anos despois, máis republicana que nunca!", publicou tamén desde a súa conta da rede social antes coñecida como Twitter.

Comentarios