Crise dos pellets

Eurodeputadas de cinco grupos solidarízanse coa Galiza a proposta de Ana Miranda

A parlamentaria do BNG en Bruxelas presentou emendas na Comisión de Medio Ambiente para que se adopten "medidas estritas" no transporte marítimo de pellets.
Protesta de deputados e deputadas do Parlamento Europeo, hoxe, en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta de deputados e deputadas do Parlamento Europeo, hoxe, en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

Convocados pola parlamentaria do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, un nutrido grupo de eurodeputados e eurodeputadas pertencentes a cinco grupos parlamentares da Eurocámara expresaron a súa solidariedade coa Galiza e denunciaron a contaminación das costas provocada pola vertedura de pellets do pasado 8 de decembro. "Agradecemos a todos os eurodeputados a súa mostra de solidariedade coa Galiza, que non está soa", destacou Miranda.

Neste sentido, salienta especialmente a participación na convocatoria do relator do informe de microplásticos, Joao Albuquerque, así como de Catherine Chabaud e Ska Keler, de tres grupos parlamentares distintos. Segundo explica a eurodeputada nacionalista, a "alta preocupación" existente en Europa sobre esta vertedura fixo posíbel que fose aceptada a proposta do Bloque de incluír esta cuestión na orde do día da sesión plenaria para a vindeira quinta feira, 18 de xaneiro.

Por outro lado, na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo Ana Miranda presentou as emendas do Bloque relativas ao informe de microplásticos. "Pedimos a inclusión do transporte marítimo no aumento dos controis no transporte de pellets para evitar perdas accidentais, xa que o transporte marítimo é unha forma importante e transporte de pellets de plástico", precisa, e apunta que as emendas presentadas recollen, entre outras, as propostas trasladadas pola asociación ecoloxista Adega.

Mellorar a seguridade

"En 2023, o Subcomité de Prevención e Resposta á Contaminación do Comité de Protección do Medio Mariño da OMI acordou prohibir o transporte de pellets de plástico a granel á luz de accidentes graves anteriores. Por tanto, procede aplicar dita prohibición ao transporte marítimo dentro, hacia e desde a Unión", expón unha das emendas presentadas polo BNG, que considera que a recente perda dun único contendor que contiña pellets de plástico fronte ás costas portuguesas provocou unha importante crise ecolóxica na costa galega.

"Por tanto, as perdas causadas por buques marítimos deberían incluírse no  ámbito de aplicación do Regulamento", indica outra das emendas, entendendo que a suxeición dos contendores debe garantir a súa seguridade no transporte.

Comentarios