Aprobados os orzamentos de Compostela para 2024: 142 millóns, o máis alto da historia

As contas inciden nas políticas sociais e na mellora dos servizos públicos e do rural.

pleno compostela orzamentos
photo_camera O pleno comezou cun minuto de silencio polo asasinato machista de Ribeira (Foto: Concello de Compostela)

O pleno da Corporación de Compostela, en sesión ordinaria, aprobou de forma definitiva esta terza feira e cos votos de BNG, Compostela Aberta e PSdeG o Orzamento municipal para o vindeiro ano por unha cifra global de 142,4 millóns de euros, a máis alta da historia Concello.

A alcaldesa de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín, sinalou que é "unha boa nova para a veciñanza de Santiago a aprobación definitiva dos orzamentos municipais de 2024, porque soben a 142,4 millóns de euros, a cifra máis alta da historia, e van servir para pór as persoas no centro con políticas sociais e de igualdade, para incrementar a calidade dos servizos públicos, a sustentabilidade, o dereito á vivenda, a transformación urbana e os servizos básicos no rural".

Segundo explicou, estes orzamentos son acordes ás demandas da veciñanza, do tecido social, económico e cultural e tamén á altura da capital de Galiza. Ademais, agradeceu o voto a favor do grupo municipal socialista para conseguir esta maioría e tamén o labor dos distintos servizos e departamentos municipais cos que, a partir de agora, e man a man co Goberno local teñen a responsabilidade conxunta de aplicar os investimentos que aquí se marcan.

"Cómpre agora dilixencia para pór en marcha estes proxectos que desde o Goberno municipal queremos que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e do tecido socioeconómico compostelán", engadiu.

Pola súa parte, o concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César, explicou na súa intervención que malia que o contido do proxecto foi amplamente tratado no momento da súa aprobación inicial, non sobra "facer fincapé na importancia de chegarmos ao final da tramitación deste proxecto" que rematará coa vixencia dun orzamento que foi xa prorrogado en dúas ocasións.

Cifras globais

O Pleno municipal deu visto e prace, co voto a favor dos grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e PSOE e o voto en contra do PP, ao orzamento definitivo do Concello de Santiago por unha cifra de 142.420.046,01 euros, o que supón un incremento de 9,70 por cento con respecto ao anterior de 2022.

O orzamento consolidado co Auditorio de Galicia e coas empresas municipais TUSSA e INCOLSA ascende á contía de 145.773.180,24 euros en ingresos, e de 145.726.134,87 euros en gastos e cun superávit de 47.045,37 euros.

As liñas principais sobre as que foi confeccionado o Orzamento municipal de 2024 son as seguintes: servizos públicos de calidade; políticas sociais, culturais e de igualdade para a maioría; transformación urbana e mellor acceso á vivenda; sustentabilidade e territorio; esforzo investidor; mellor gobernanza e modelo de cidade.

Comentarios